A vindeira andaina programada no marco do programa municipal “Ponte en ruta con nós” será o 19 de maio, pola Ruta das Fragas da Ribeira, no termo municipal das Pontes. Os participantes reuniranse, como cada xornada, no pavillón polideportivo da Gándara ás 9.00 horas para dirixirse en bus ao punto de inicio da ruta
Trátase dunha camiñata duns quince quilómetros prevista para realizar nunhas tres horas e media e cun nivel de dificultade calificado como “alto”. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir de hoxe no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres 9.00 a 13.00. O prezo da inscrición é de tres euros, contía coa que se sufragan os gastos de desprazamento en autobús desde o polideportivo da Gándara ata o punto de inicio da camiñata e o regreso desde o remate da andaina ata o pavillón polideportivo da Gándara.
O programa municipal “Ponte en ruta con nós” rematará o vindeiro 30 de xuño, coa tradicional Andaina de fin de programa, dende o antigo Concello de Xuvia ata a área recreativa de Pedroso, donde haberá unha comida de confraternidade. O programa incluíu andainas como unha volta circular á ría; polo Río Castro e o Castelo de Narahío; dende o Castelo da Palma ata o mosteiro de Santa Catalina; pola Ruta dos muíños, en Esmelle (Ferrol); a do Belelle (A Capela), e a Ruta das praias (de Covas a Prioriño).