NOVAS

Aberto o prazo do Concello para inscribirse nun curso de Xestión de almacén-loxística

Publicado o 03 de Marzo de 2020

O curso vai dirixido a persoas maiores de 18 anos e terá unha duración de 295 horas, 100 delas correspondentes a prácticas profesionais non laborais

Concellería de Novas Tecnoloxías, dirixida pola edil Natalia Hermida, abriu o pasado xoves 27 o prazo para inscribirse nun curso de Xestión de almacén-loxística. Os destinatarios do mesmo son persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, que non deben ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación coincidente temporalmente nas datas de realización, tal e como indicou a edil.

O curso terá unha duración total de 295 horas, das que 100 se corresponden con prácticas profesionais non laborais. Poderán realizalo un máximo de quince persoas entre o 12 de marzo e o 16 de xuño no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e nas instalacións das empresas colaboradoras nas prácticas, según explicou Hermida. As clases teóricas desenvolveranse de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 e as prácticas nas empresas no horario que se determine en cada caso, a razón de cinco horas diarias.

Tipos de almacén, estrutura e organización; Prevención de riscos laborais nas actividades de almacenaxe; Loxística; Inventario de existencias; Operativa para preparar pedidos; Operacións de recepción, colocación, mantemento e expedición; Manexo e condución de carretilla elevadora e Sistemas e equipos para a xestión de almacén forman parte dos contidos teóricos deste curso.

Así mesmo, o alumnado asistirá a módulos transversais sobre a perspectiva de xénero, sobre a orientación laboral e busca de emprego, sobre as novas tecnoloxías aplicadas á acción formativa, sobre o emprendemento e sobre a sensibilización medioambiental, así como cinco charlas dunha hora de duracióncon profesionais do sector e expertos en selección de persoal e visitas profesionais.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 5 de marzo ás 13.30 horas, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.