NOVAS

Aberto o prazo para presentarse ao Parlamento Xove 2021

Publicado o 16 de Decembro de 2020

Os mozos e mozas que desexen participar poden inscribirse até o vindeiro 15 de xaneiro.

Xa está aberto o prazo de inscrición da duodécima edición do Parlamento Xove, unha competición de investigación e debate estudantil na que poderán participar o alumnado dos centros educativos galegos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato (categoría escolar) e as mozas e mozos matriculados no curso 2020/2021 nalgún grao dos sete campus universitarios das universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela (categoría universitaria).

Na categoría escolar, a competición desenvolverase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que sairán oito equipos gañadores (entre febreiro e marzo de 2021), e unha fase final na que os vencedores loitarán polo título (entre abril e maio). Asemade, diferéncianse dúas categorías: ESO e Bacharelato. Poden inscribirse un total de 24 equipos para a fase de clasificación de cada unha delas. Tamén se celebrará un concurso voluntario de artigos de investigación sobre a pregunta do debate da fase clasificatoria: "Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?".

No tocante ao alumnado da ESO e Bacharelato, os equipos estarán compostos por catro estudantes e un profesor ou profesora que exercerá de coordinadora. 

Por outra banda, na categoría universitaria non haberá fase clasificatoria, e poderá participar un máximo de oito equipos. Neste caso, os equipos estarán formados por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro.

Todos os debates terán o mesmo funcionamento: a Consellería de Política Social proporá un tema ou pregunta para toda a competición que dea lugar a posturas opostas (a favor e en contra), que serán defendidas por cada equipo en función do sorteo que se realizará cinco minutos antes do inicio de cada debate.

Os tempos de intervención serán os seguintes: catro minutos para a introdución de cada equipo, cinco para a primeira refutación, outros cinco para a segunda e tres minutos para a conclusión final.

O premio para as dúas categorías escolares é unha viaxe valorada en 5.000 euros para cada un dos equipos gañadores, namentres na categoría universitaria a viaxe estará taxada en 2.500 euros. Asemade, todas as e os integrantes do equipo finalista recibirán un agasallo, e o mesmo acontecerá co equipo gañador do concurso de artigos de investigación.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse até o vindeiro 15 de xaneiro cubrindo este formulario no caso da categoría escolar e este outro para as e os universitarios.

Preme aquí para consultar as bases do Parlamento Xove 2021.