NOVAS

Abre o prazo de inscrición do programa “Adiante Narón”

Publicado o 19 de Outubro de 2022

Narón, 17 de outubro de 2022. O Concello abriu hoxe o prazo de inscrición na segunda edición do programa “Adiante Narón”.

Unha iniciativa sobre emprendemento que se desenvolverá en 16 módulos de tres horas de duración cada un e impartidos por expertos en diferentes áreas. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou a convocatoria acompañado por Venancio Salcines, presidente da EF Business School, Juan Martín e María Uceda, director de innovación e directora de desenvolvemento de negocio, respectivamente, da cidada entidade e deseñadores do programa desta convocatoria. Dende o colectivo destacaron “o apoio incondicional do Condello de Narón ao sistema emprendedor como fonte de riqueza económica, modelo de xeración de postos de traballo e desenvolvemento económico sostible”.

Pola súa banda, Pita incidiu nesa aposta do Concello por fomentar o autoemprego e o emprendemento a través da formación e o acompañamento aos participantes. Detección de oportunidades e piares do proxecto, estratexia e dirección comercial, análisis de viabilidade e proxeccións económico-financieiras, e aspectos legais son os temas que se abordarán na convocatoria, tal e como avanzou. O edil destacou ademais a valoración realizada polos participantes na anterior edición, que puntuaron cun 97% de satisfacción.

Así mesmo, o concelleiro avanzou que en total se ofertan 15 prazas, co fin de ofrecerlles aos asistentes unha atención máis persoalizada e dar un maior dinamismo á actividade. As sesións impartiranse durante os meses de novembro- dende o 17- e decembro –ata o día 21- deste ano no Café Teatro do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, tal e como avanzou Pita. As inscricións son de balde e poden tramitarse ata o 15 de novembro a través do número de teléfono 881 878 634 ou do enlace: https://efbs.hubspotpagebuilder.com/m%C3%A1ter-lean-0-1.

O edil naronés recordou que da primeira edición deste evento xurdiron empresas como Autovana Motor e La sazón Gourmet, “o que confirma que este programa facilita aos emprendedores e emprendedoras unha serie de coñecementos para desenvolver unha actividade económica e, a maiores, o impulso e seguemento que requiren nas primeiras fases empresariais”.