NOVAS

Abre o prazo para solicitar os Campos de Voluntariado no estranxeiro

Publicado o 13 de Marzo de 2023

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegas, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

ÁREAS DE PARTICIPACIÓN

1. CAMPAMENTOS

A información da programación estará dispoñible proximamente.

2. CAMPOS DE VOLUNTARIADO

Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc. Neste programa pode participar a mocidade de 18 a 30 anos.

É necesario ter os 18 anos ao inicio do campo de voluntariado e non cumprir os 31 antes do seu remate.

A oferta de campos de voluntariado está composta por:

Campos de voluntariado en Galicia (Publicarase proximamente).
Campos de voluntariado noutras CCAA (Publicarase proximamente).
Campos de voluntariado no estranxeiro (abriuse o día 13 de marzo).

3. CAMPOS DE VOLUNTARIADO NO ESTRANXEIRO

O prazo de inscrición para os campos de voluntariado no estranxeiro abriuse o día 13 de marzo, ás 9:00 h, e manterase aberto ata esgotar as prazas.

As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

A cota de participación é de 110 € (82,50 € no caso de acollerse a algún dos descontos). Descontos (non acumulables):

Carné xove: -25% na cota de participación
Carné de familia numerosa: -25% na cota de participación
Familia monoparental: -25% na cota de participación. 

Esta cota de participación inclúe:

Os gastos de manutención, aloxamento e máis os derivados das propias actividades dos campos e o seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Non inclúe:

Os gastos ocasionados polo traslado (ida e volta) ata o lugar da actividade, que correrán a cargo da persoa voluntaria.
A cota extra de participación naqueles casos onde se estableza pola organización estranxeira.

4. COMO SOLICITAR

A través deste enlace poderás consultar e solicitar os campos de voluntariado no estranxeiro ata un máximo de 3 opcións por orde de prioridade. 

5. ADXUDICACIÓN

Unha vez adxudicada a praza recibirás un correo electrónico coa documentación que debes cubrir e asinar, xunto coas instrucións para o pagamento da cota e para presentar a documentación.

O prazo para presentar esta documentación é de 2 días hábiles desde o envío do correo electrónico de adxudicación da praza.

Debes dirixir toda a documentación a: camposdetraballo.xuventude@xunta.gal 

Unha vez recibida confirmaremos por correo electrónico a súa recepción e polo tanto a finalización do proceso de inscrición.

A partir deste momento poderás considerarte correctamente inscrito/a.

RECOMENDAMOS esperar a recibir este correo electrónico antes de xestionar a compra das pasaxes necesarias para chegar ao punto de encontro.

Se xurdira un imprevisto que che impida participar no campo de voluntariado debes comunicar a renuncia o máis axiña posible para liberar a praza e facilitar así a participación doutra persoa voluntaria. Correo-e: camposdetraballo.xuventude@xunta.gal.

6. MINICAMPAMENTOS "COÑECE GALICIA"

A información da programación estará dispoñible proximamente.

7. CESIÓN DE USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMBAS DE OCIO EDUCATIVO E DE TEMPO LIBRE

(Só para entidades ou grupos non asociados) A información estará dispoñible proximamente.