Este programa, que se inscribe no proxecto autonómico MoGal (Mobilidade Galega), ten un total de catro convocatorias, o que permitirá que 186 mozos e mozas galegos realicen prácticas laborais en empresas de cinco países europeos: Italia, Francia, Irlanda, Holanda e República Checa.
O prazo para solicitar unha das 50 bolsas que forman parte da cuarta e última convocatoria do programa Leonardo Da Vinci –para realizar prácticas laborais en Europa- comeza o luns 3 de outubro. O período de inscrición para participar no proceso selectivo continuará aberto ata o próximo 14 de outubro, e está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Este programa, que se inscribe no proxecto autonómico MoGal (Mobilidade Galega), ten un total de catro convocatorias, o que permitirá que 186 mozos e mozas galegos realicen prácticas laborais en empresas de cinco países europeos: Italia, Francia, Irlanda, Holanda e República Checa.
Nas outras tres convocatorias -- outubro do 2010, xaneiro de 2011 e xullo de 2011--, para un total de 136 bolsas, o número de solicitudes presentadas foi de 844, sendo a convocatoria de xullo a que presentou o maior número de solicitudes.
As estadías formativas duran 12 semanas. Neste caso, serán desde xaneiro ata marzo de 2012. Nesta última convocatoria, as 50 bolsas repártense do seguinte xeito: 4 en Holanda; 12 en Irlanda; 21 en Francia; 6 en Italia, e 7 para a República Checa.
Na iniciativa poden participar mozos e mozas de 18 a 30 anos de idade que teñan realizado estudos universitarios ou de Formación Profesional relacionados cos sectores do moble e madeira, restauración, turismo, imaxe, informática, deseño, electricidade ou mecánica. A bolsa cobre os gastos de aloxamento, curso de preparación lingüística, seguro de responsabilidade civil, viaxe a custo real ata un máximo de 200 euros e parte da manutención.
Para participar é preciso enviar os documentos debidamente cumprimentados que se sinalan na páxina web "www.xuventude.net": o modelo europeo do currículum vitae no idioma do país de destino que se solicita en primeiro lugar e a solicitude debidamente cumprimentada. Tamén se pode consultar máis información no teléfono 881 99 95 67 ou en ‘ galeuropa@xunta.es’.
O obxectivo do proxecto é facilitar a integración dos participantes dentro do mercado laboral europeo, e que consigan competencias útiles para o seu desenvolvemento profesional, ao tempo que adquiren unha mellor competencia lingüística no idioma do país de destino.
Fomentar a mobilidade xuvenil é un dos eixos da ‘Estratexia Xuventude 2014’. Os datos do seguimento deste plan no pasado ano cuantifican en 2.300 mozos e mozas que se desprazaron a outras comunidades autónomas e países para ampliar os seus coñecementos grazas aos diferentes programas de mobilidade organizados en 2010 pola Xunta de Galicia.