O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, expresou a súa satisfacción por ter acadado un principio de acordo coa Xunta de Galicia para poder sacar a concesión o contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais (EIM) para o curso 2012/2013
O concurso público será para as escolas de A Solaina, Piñeiros e A Gándara. A Xunta de Galicia comprometeuse a respaldar ao Concello para que poida levar a cabo este procedemento antes do 1 de xullo, data na que ten que estar concedido o mantemento das escolas.
Para materializar o acordo, a Xunta de Galicia enviará ó Concello no prazo aproximado de 8 días un documento oficial no que se concretará a aportación ou o respaldo económico da administración galega, para que o Concello poida iniciar este trámite. Buscarase polo tanto unha fórmula que permita levar a cabo este procedemento.
A resposta de todos os naroneses e naronesas provocou que a Xunta de Galicia reaccionase
“Estamos satisfeitos porque ábrese unha nova vía de posibilidades, e ao final logramos que os pais e nais conten no vindeiro curso coas prazas de gardería que tíñamos ata o de agora”, sinalou o Alcalde en referencia ás 270 prazas aproximadas. “Logramos que nos entenderan, e eu sempre dixen que o entendemento entre administracións sempre repercute no beneficio dos veciños”, engadíu José Manuel Blanco.
Segundo cálculos dos servizos técnicos municipais, o mantemento de cada unha das EIM ascende a 250.000€/curso , o que multiplicado por tres eleva a 750.000€ o coste das tres garderías. Ata o de agora e tendo en conta que a demanda supera á oferta de prazas, cóntase coa aportación fixa dos pais/nais que aproximadamente é de 225.000€ (a razón de 75.000€ por escola) co cal a cantidade que resta é de 525.000€ aproximadamente, a financiar entre o Concello e a Xunta, sen determinar todavía cales van a ser as aportacións de cada unha das administracións.
Na reunión estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia, a Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, e as ANPAS das escolas infantís de Narón, ás que o Alcalde de Narón quixo agradecer publicamente a súa loita e o seu esforzo para conquerir o compromiso económico por parte da Xunta coas escolas infantís.