NOVAS

Algo máis dun cento de persoas recibiron hoxe os diplomas de seis accións formativas nun acto celebrado no Auditorio municipal

Publicado o 15 de Decembro de 2016

A concelleira de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, entregou hoxe os diplomas correspondentes a seis accións formativas impulsadas desde o Concello.

Un total de 115 persoas estaban convocadas a esta cita, ao ser as que remataron con éxito os diferentes cursos convocados desde a administración local. A edil naronesa agradeceu o traballo realizado polo persoal técnico do Concello e felicitou aos homes e mulleres que remataron os cursos, animándoos a continuar formándose para ampliar as súas opcións de cara á súa incorporación no mercado laboral.

Hermida recordou que o investimento realizado para impartir estes cursos rondou os 44.000 euros, con algo máis de 1.000 horas de formación en total, e destacou que ademáis é o Concello o que proporciona as instalacións nas que se desenvolven as sesións, excepto algunhas prácticas.

Un total de 44 persoas remataron o curso de “Operario carretilleiro/a de plataforma elevadora (PEMP) con certificación UNE”, do que se convocaron un total de catro edicións, que se desenvolveron entre os meses de novembro e decembro deste ano, dirixíndose especificamente unha convocatoria a menores de 35 anos, a través da área de Mocidade. Hermida incidiu na exitosa acollida desta acción, que levou ao Concello a convocar dúas edicións a maiores das previstas inicialmente e tamén destacou o “importante esforzo económico realizado para que Narón fose a administración local pioneira na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal en ofertar de balde este curso, cunha certificación moi específica e orientada ás demandas das empresas do sector naval”.

Tamén recolleron os seus diplomas 12 alumnos e alumnas do “Itinerario profesional de inserción en Servizos de Cafetería e bar”, celebrado de setembro a novembro, e catorce do de “Atención ao público e habelencias comunicativas”, que tivo lugar entre outubro e novembro.

Así mesmo, remataron con éxito o curso básico de “Prevención de riscos laborais con PRL sector naval e medio ambiente no sector naval”, de outubro a novembro, un total de vinte persoas e dez –tamén unha muller recibiu o diploma de prevención pero non o de medio ambiente- o de “Prevención de riscos e medio ambiente no sector naval”, iniciado e rematado este mesmo mes. Por último, catorce persoas, tamén menores de 35 anos, remataron entre xullo e novembro o “Itinerario profesional de Carnicería”.