Camiño Escolar Seguro, iniciado a principios deste mes e impulsado desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público
Dous alumnos de quinto curso de Primaria do CEIP de Piñeiros exerceron hoxe durante uns minutos como axentes da Policía Local ás portas do centro. A iniciativa forma parte do programa Camiño Escolar Seguro, iniciado a principios deste mes e impulsado desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo. Esta proposta levará cada semana a dous estudantes do centro a informar e axudar aos seus compañeiros e aos pais e nais que participan no programa da normativa en materia de seguridade viaria, tal e como explicou o edil naronés.
Manuel e Lucía, cos seus chalecos e unha gorra de policía, situáronse esta mañá nas inmediacións do seu colexio para axudar a Pedro Caneiro, un dos axentes da Policía Local de Narón que integra o equipo de Educación Viaria do Concello. Alí indicaron aos seus compañeiros e aos seus pais e nais, a medida que iban chegando, entre as 8.30 e as 9.00 horas, as principais pautas a seguir en materia de seguridade viaria. Manuel e Lucía apercibiron a algúns menores que acudían sen casco na bicicleta, aos que non cruzaban a estrada polo paso de peóns e incluso alertaban a Caneiro dos vehículos que estacionaban indebidamente nas inmediacións do centro escolar.
Na actualidade uns 170 nenos e nenas do colexio de Piñeiros participan activamente no programa Camiño Escolar Seguro, tal e como indicaron desde o equipo de Educación Viaria do Concello. Desde hoxe e ata final de curso dous estudantes encargaránse durante unha semana de exercer como axentes, unha iniciativa para a que xa se apuntaron tamén a maior parte dos rapaces e rapazas que se implicaron nesta proposta educativa. “Queremos agradecer desde o Concello unha vez máis a implicación do alumnado e dos seus pais e nais nos diferentes proxectos impulsados desde Narón en materia de seguridade viaria”, destacou Sánchez Fojo.