Medio cento de usuarios e usuarias da Asociación Nuestra Señora de Chamorro participan nun proxecto de Formación e Atención ao Desenvolvemento Afectivo Sexual (Fadas)
Unha proposta de educación afectivo-sexual orientada a persoas con discapacidade intelectual e que se acomete nas instalacións da entidade do Val en virtude a un convenio co Concello de Narón, tal e como indicou a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio.
A edil naronesa visitou aos particantes neste proxecto nunha das sesións impartidas, felicitándoos polo labor que están realizando, así como aos profesionais que participan nas mesmas.
Os asistentes, todos da comarca de Ferrolterra, teñen entre 21 e 45 anos e acoden a sesións grupais, que se convocan ao longo da semana, e nalgúns casos individualizadas, nas que se traballa coas familias. Un total de nove profesionais encárganse de traballar cos grupos temas afectivos, emocionais e sexuais, para crear unha base que permita aos rapaces e rapazas relacionarse tanto coas súas familias como coas súas parellas.
Entre os obxectivos do proxecto está o feito de proporcionar aos asistentes ás sesións os recursos, habilidades e coñecementos para aceptarse e expresarse no ámbito afectivo-sexual, así como favorecer a igualdade entre sexos, aprender a recoñecer as situacións de risco do comportamento sexual ou analizar posibles problemas. “É preciso solventar as necesidades interpersoais e proporcionar unha serie de coñecementos do ámbito afectivo sexual ás persoas con discapacidade intelectual, algo que se traballa a través deste proxecto en grupo e a nivel individual e que permite aos participantes, ao tempo que recibir formación na materia, controlar as súas emocións, identificalas e aprender a relacionarse coa súa parella”, destacou Teresa Sabio.
Na actualidade, un dos grupos de usuarios da Asociación Nuestra Señora de Chamorro que iniciou a formación no 2015 xa se encarga de emsinar a outros compañeiros, ao ter os primeiros os conceptos a tratar nas sesións “moi adquiridos”, tal e como indicaron os especialistas, que están en todo momento presentes nas aulas.
A edil de Igualdade subliñou a importancia de desenvolver este tipo de proxectos e asegurou que a Asociación Nuestra Señora de Chamorro é “punteira” á hora de impulsar estas e outras actividades “de gran interese tanto para os usuarios e usuarias do centro e as súas familias en particular, como para a sociedade en xeral, ao traballar en materia de igualdade de xeito transversal”.