NOVAS

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro xa poden solicitar as subvencións convocadas desde o Concello para realizar programas sobre diferentes áreas

Publicado o 05 de Outubro de 2017

O Concello de Narón abre hoxe, día 5, o prazo de solicitude de subvencións dirixidas a asociacións e institucións de carácter social e outras entidades sen ánimo de lucro.

A convocatoria implica destinar o importe a actuacións a programas das áreas socioeducativa, sociocultural, de igualdade, de persoas con discapacidade ou drogodependentes, de infancia, inmigración, minorías étnicas, xuventude, medio ambiente e outras que poden consultarse no anuncio publicado onte no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (no enlace: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/10/04/2017_0000008332.pdf).

Para poder optar a estas subvencións é obrigatorio que as asociacións e entidades estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás do Concello de Narón, cos datos actualizados no momento de presentar a solicitude e tendo xustificadas as axudas ou subvencións concedidas en anos anteriores polo Concello, de ser o caso.

As axudas poden solicitarse a través do Rexistro Municipal do Concello de Narón durante os próximos trinta días naturais (contados a partir de mañá), de luns a venres, de 8.30 a 13.30 horas.