NOVAS

As axudas para material didáctico e escolar xa poden solicitarse no Concello e as do bono bus de transporte universitario á UDC desde o 2 de outubro

Publicado o 28 de Setembro de 2017

O Concello de Narón ten aberto o prazo de solicitude das axudas destinadas a facilitar o acceso ao material didáctico e escolar para o curso 2017-2018 e o vindeiro 2 de outubro poderanse pedir as correspondentes ao bono bus de transporte universitario ao campus da Coruña (UDC).

A edil de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, recordou que estas axudas se dirixen a estudantes e familias empadroadas no Concello naronés, que deben cumprir os requisitos estipulados para concorrer ás mesmas.

A convocatoria de axudas para material didáctico e escolar é para alumnado matriculado en centros públicos e concertados do municipio, concretamente nos niveis de educación Infantil (2º ciclo), Primaria, ESO, Bacharelato, FP de Ciclos Medios, Educación Secundaria de Adultos e centros de Educación Especial. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Municipal, de luns a venres, en horario de 8.30 a 13.00 horas ata o 10 de outubro. As instancias a cumplimentar poden solicitarse no propio Rexistro ou descargalas da páxina web do Concello de Narón, a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/S-SOC-29_Solicitude_Material_Escolar_LPACAP.pdf.

No caso das axudas para o bono bus de transporte universitario ao Campus da Coruña, o prazo de solicitude abrirase o 2 de outubro e será de vinte días naturais a contar a partir do 26 de setembro (incl.), debendo presentalas tamén no Rexistro municipal nos días e horario anteriormente indicados. As subvencións son do 50% do prezo do bono bus para o traslado diario de universitarios ás Facultades localizadas no campus da UDC e os solicitantes das mesmas deben cumprir tamén as condicións propias desta convocatoria, tal e como se recordou desde a Concellería de Educación.

 

  1. As persoas interesadas en solicitar máis información ao respecto poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello.