NOVAS

Campaña "Gústame o galego" no Concello de Narón

Publicado o 10 de Maio de 2013

Gústavos o galego? A nós si, moito!

A Biblioteca do Alto instalará o luns un ‘photocall’ para que as persoas que o desexen se fotografíen con frases relacionadas coa lingua galega.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón –dependente da Concellería de Educación de Narón, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada- ven de convocar esta campaña, ideada e promovida pola CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua).

De que vai? O obxectivo que perseguen é visibilizar o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística.

E que hai que facer? A onde hai que ir? A campaña consistirá nun photocall que se instalará na Biblioteca Municipal de Narón o vindeiro luns 13 de maio (en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas) no que as persoas que o desexen poderán mostrar o seu apoio á lingua galega, fotografiándose con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións. 

Queredes ver as fotos? Estas fotografías serán colgadas no facebook de ‘Gústame o galego’ ó que se pode acceder tamén a través do enderezo web www.gustame.gl

Esta acción de dinamización lingüística forma parte do programa de actividades realizadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, que tamén teñen lugar neste mes de maio.