NOVAS

Cemit Rural 2016: cursos con prazas libres

Publicado o 11 de Febreiro de 2016

Estás interesado/a en iniciarte no mundo dixital? Interésache aprender o máis básico en informática? Estes días tes unha boa oportunidade grazas ao programa "Cemit Rural 2016"! Quedan prazas libres!

Este programa inclúe cursos gratuítos de informática, que se desenvolven nos locais sociais. A día de hoxe aínda quedan algunhas prazas vacantes en San Xiao e Pedroso.

Se estás pensando en anotarte debes saber que:

  • O “Curso de Habilidades dixitais básicas” desenvolverase a partir de hoxe nestas dúas parroquias, se queres participar podes anotarte nos locais sociais.

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que esta convocatoria se dirixe a persoas adultas e se organiza con grupos reducidos para así poder ofrecer unha formación máis personalizada. A edil recordou que tamén poden anotarse veciños e veciñas que residan na zona urbana e con posibilidade de desprazarse ata os locais de San Xiao e Pedroso nos que se impartirán as clases.

  1. O curso comezará hoxe en San Xiao e rematará o 10 de maio. As clases serán os martes e xoves de 18.00 a 21.00 horas.
  2. En Pedroso as sesións, que se desenvolverán no local social da Pombiña, serán os martes, xoves e venres en horario de 17.30 a 20.00.

En principio formaranse grupos dun máximo de dez persoas, aínda que poderán ser máis no caso de que os interesados dispoñan dun ordenador portátil que poidan levar ás clases.

O programa “Cemit Rural 2016” desenvólvese tamén nos locais sociais de San Mateo, Doso, Castro e O Val.