NOVAS

Ciclo de Cine en Galego

Publicado o 26 de Abril de 2013

A Concellería de Educación, dirixida por Mª del Carmen Espada, quere dar a coñecer e promover o patrimonio audiovisual galego entre a mocidade, polo que veñen de organizar a proxección de dúas pelis en galego.

Estas proxeccións terán lugar durante o mes de maio, enmarcadas nos actos de celebración do Día das Letras Galegas en Narón. Cando é o Día das Letras Galegas? O 17 de maio...

As sesións de cine van ter lugar en diferentes asociacións de veciños e na Biblioteca Municipal, que por certo, leva xa dez anos en funcionamento na súa ubicación actual (ver nova en Dameuntoke: http://www.dameuntoke.es/content/10-anos-da-biblioteca-do-alto-23-de-abril-dia-do-libro.

Que pelis se decidiron proxectar? Molan mogollón!! Escolleron ben!!

  1. O Apóstolo. De que vai? Sinopse oficial: " Un preso que acaba de fugarse do cárcere intentará recuperar un botín agochado anos atrás nunha solitaria e apartada aldea do Camiño de Santiago; pero o que alí vai atopar suporalle unha condena aínda maior da que fuxíu. Sinistros anciáns, estranas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago cruzaranse no seu camiño nunha historia de suspense, humor e fantasía. ". Mola un montón! É galega, feita por un compostelán: Fernando Cortizo. Ademais é a primeira película europea feita coa técnica do stop-motion estereoscópico (que debe ser moi difícil de facer, aínda que só sexa polo nome que ten, non si?) . Os protas son monicreques, pero uns monicreques que ides recoñecer porque están feitos baseándose en actores moi coñecidos: Carlos Blanco, Jorge Sanz, Xosé Manuel Olveira, Manuel Manquiña... Está producida por Artefacto Producciones. Merece a pena vela, de verdade! Visitade a web oficial para facervos unha idea: http://www.oapostolo.es/index.php

 

  1. Enrugas. En Dameuntoke estamos entusiasmados coas pelis escollidas..."Enrugas" é unha longametraxe de animación, baseada nun cómic da Editorial Astiberri, debuxado polo grande Paco Roca (http://www.astiberri.com/ficha_prod.php?cod=arrugas) . De que vai? Sinopse oficial:  " ARRUGAS é unha longametraxe de animación 2D para un público adulto baseado no aclamado cómic do mesmo título de Paco Roca (Premio Nacional do Cómic 2008). Arrugas narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Emilio, que chega á residencia nun estado inicial de Alzheimer recibe a axuda de Miguel e outros compañeiros para non rematar na planta superior da residencia, o temido piso dos asistidos que é como chaman alí aos desafiuzados. O seu aloucado plan tingue de comedia e tenrura o pesado día a día da residencia porque aínda que para moitos as súas vidas acabaran, eles comezan unha nova. " Está producida por Perro Verde Films. É unha historia moi tenra, dura e triste, co Alzheimer como tema de fondo. Esta é a web oficial: http://www.arrugaslapelicula.com/ga/ Hai que vela! É unha orde! E se podedes: lede o cómic!! :)

 

A que público van dirixidas? Van dirixidas ao público xuvenil, pero non deixedes de ir os máis maiores! Non vos arrepentiredes!

Onde se van proxectar? Van ir por separado. Na Biblioteca Municipal do Alto, poderedes ver "Enrugas" e nas asociacións de veciños proxectarán "O Apóstolo".

Para cando? As datas e horarios de proxección son os seguintes:

  • O Apóstolo

AVV A Gándara: venres 3 de maio, ás 20:00 horas.

AVV Chafarís: venres 10 de maio, ás 20:00 horas.

AVV Alto do Castaño: venres 24 de maio, ás 20:00 horas.

AVV Ceibe de San Xiao: sábado 25 de maio, ás 19:00 horas.

AVV Os Cruceiros de Castro: venres 31 de maio, ás 20:00 horas.

  • Enrugas

 Biblioteca Municipal do Alto: xoves 23 de maio, ás 18:00 horas.

A entrada é de balde.

Sen excusas...100% recomendables as dúas!!