NOVAS

A Concellería de Deportes lembra ó PP que as subvencións ó deporte local se convocarán coa mesma cantidade que o ano pasado

Publicado o 24 de Abril de 2013

A Concellería de Deportes do Concello de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, ven de lembrar ó Partido Popular de Narón que o Concello “ten o compromiso, como tódolos anos, de sacar a convocatoria de subvencións ó deporte neste 2013 e que éstas terán a mesma cantidade que o ano pasado” fixada en 30.000 euros.

Estas declaracións de Natalia Hermida veñen a respostar ás palabras do portavoz do PP no noso Concello, quen denunciou un suposto "castigo ao deporte", por non ter convocadas estas axudas. Natalia Hermida lembroulle ao concelleiro que no 2012 a convocatoria de subvencións foi realizada no mes de xuño, polo que aínda estamos en prazo.

Ademais, a Concelleira de Deportes informou de que o PP presentou unha moción na Comisión de Actividade Social e Muller, que foi rexeitada polo resto de grupos políticos, por considerarse demagóxica. O texto reclamaba ao Concello de Narón a presentación das subvencións ao deporte. Natalia Hermida, respostou dicindo que "dado que as subvencións son anuais, estamos dentro do período razoable para presentar a convocatoria. O Concello leva 30 anos apostando polo fomento do deporte de base, e proba diso é que temos contemplados nos Orzamentos Municipais a firma de 15 convenios con clubs e entidades deportivas de Narón, por importe de 304.500€ para este ano 2013. Esto supón un 14% menos que o ano 2012, debido á situación de crise económica, e non un 40% como trata de acusar maliciosamente o portavoz do grupo popular de Narón"

A responsable de Deportes de Narón denuncia as accións do PP, tratando de desviar a atención polo feito de que o día 22 de marzo deste ano se publicou no BOP a concesión de subvencións do ano 2012 por parte da Deputación a entidades e clubes deportivos. Nesta publicación deixase fora á maioría dos clubes de Narón, que aínda tendo puntuacións moi altas nos baremos técnicos, estas quedan anuladas pola falta de interese provincial polo traballo que desenvolven eses clubes. A Deputación deixou de aportar ás entidades deportivas de Narón un 72,54% menos en referencia ao 2011. ( En Dameuntoke xa falamos deste tema hai uns días: http://www.dameuntoke.es/novas/o-pleno-do-concello-de-Naron-aproba-unha-mocion-de-queixa-polos-criterios-que-aplica-deputacion-na-concesion-de-).

Esta situación provocou que Natalia Hermida, como Concelleira de Deportes, propuxese a presentación dunha queixa do Padroado de Deportes de Narón - onde están representados os clubes e os partidos políticos -. Esta queixa foi aprovada por unanimidade, contando incluso co voto a favor do propio PP.  Ademais, no Pleno Ordinario de marzo, aprobouse unha moción presentada por Terra Galega (TEGA), de apoio institucional á queixa do Padroado de Deportes, da que por certo, nesta ocasión o Partido Popular abstívose.

Dende Dameuntoke seguiremos informando!!