NOVAS

A Concellería de Formación e Mocidade convoca catro novas accións formativas dirixidas a persoas desempregadas do municipio

Publicado o 12 de Maio de 2017

A Concellería de Formación e Mocidade convoca catro novas accións formativas dirixidas a persoas desempregadas de Narón maiores de 18 anos e enmarcadas nos programas municipais “Formación 2017” e “Mocidade 2017”.

O prazo de inscrición para estas catro convocatorias, das que só se poderá solicitar unha, tal e como subliñou a edil da área, Natalia Hermida, abrirase o vindeiro luns, 15 de maio. As persoas interesadas deben cubrir unha instancia xenérica que se pode solicitar no Rexistro municipal ou descargar da páxina web do Concello: www.naron.es. Unha vez cumplimentada debe entregarse no citado Rexistro, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30 e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

As catro sesións desenvolveranse no Centro de Formación Municipal Irmás Froilaz, na Gándara.

En canto ao programa municipal de “Formación 2017”, a concelleira naronesa indicou que as accións formativas convocadas son tres:

 

  1. Peón forestal”: Para 12 alumnos/as e dun total de 175 horas que se impartirán do 5 de xuño ao 21 de xullo e cunha parte práctica.
  2. Conservación de vivendas” (pintura e pladur): Para un total de 15 persoas e de 200 horas, a impartir do 12 de xuño ao 7 de agosto
  3. "Conversa en inglés”: Para dous grupos, de 15 persoas cada un, e de 80 horas, a desenvolver do 3 de xullo ao 29 de agosto, tal e como explicou Hermida. 

 

Para máis información sobre este programa pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1123, 2602, 1120 e 1107).

A convocatoria aberta para o outro programa municipal, “Mocidade 2017”, diríxese tamén a desempregados de Narón, pero neste caso de entre 18 e 35 anos (inclusive). Os requisitos para a solicitude da acción formativa de “Peixeiro son os mesmos que no caso dos cursos da área de Formación, en canto ás inscricións. Esta convocatoria diríxese a un total de 15 alumnos/as e terá unha duración total de 400 horas, entre o 26 de xullo e o 22 de novembro e contempla unha parte práctica en obradoiros de peixería e en empresas, tal e como indicou a edil de Mocidade.

Hermida animou á veciñanza que cumpra os requisitos esixidos a inscribirse nalgunha destas accións formativas convocadas desde a Concellería de Formación e Mocidade. A edil avanzou que nos vindeiros meses se programarán novos cursos e subliñou a importancia da formación de cara a acceder a un posto de traballo. A edil naronesa recordou que estas accións formativas se complementarán con outras a convocar este mesmo ano, no que se alcanzarán, recalcou, as 6.000 horas de formación.