NOVAS

A Concellería de Novas Tecnoloxías abrirá o vindeiro luns o prazo de inscrición nunha acción formativa sobre “Programación e robótica educativa”

Publicado o 02 de Xuño de 2017

A Concellería de Novas Tecnoloxías convoca unha nova acción formativa do programa municipal educativo “Indi-Informática Divertida”

A edil responsable da área, Natalia Hermida, explicou que os destinatarios das sesións de “Programación e robótica educativa” son un total de quince rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos e anunciou que o prazo de inscrición abrirase o luns día 5 de xuño e rematará o vindeiro 23 de xuño. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tal e como recalcou a edil naronesa.

As clases –un total de 70 horas- desenvolveranse na Aula Cemit de Xuvia, desde o 3 ata o 31 de xullo, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30. Iniciación á programación de videoxogos; Creación de blogs para nen@s; Creación de cómics dixitais e “Hour of code” son os contidos que se abordarán nas sesións.

As persoas interesadas en anotarse deben cubrir unha instancia xenérica e un anexo (II) asinado, podendo descargar ambos documentos da páxina web do Concello de Narón a través do enlace:

 

  1. http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/programacion-e-robotica-educativa-INDI-.

 

Os documentos deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello (donde tamén se poden recoller a solicitude e o anexo) de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00. Para recibir máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1517).

A edil de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, destacou o éxito que tivo a anterior edición desta acción formativa celebrada tamén o ano pasado, para a que se esgotaron as prazas e que valoraron moi positivamente os nenos e as nenas que asistiron unha vez que rematou. “O mundo da robótica esperta o interese de moitos rapaces e rapazas que gozan coas novas tecnoloxías e que terán a oportunidade de aprender a crear un videoxogo, un blog ou cómics dixitais, entre outras propostas”, destacou Hermida, que animou á veciñanza a anotarse nesta nova edición.

Natalia Hermida explicou que esta mesma acción formativa se ofrece desde o Concello ás parroquias da zona rural (Sedes, Pedroso, Castro, Doso, O Val, San Mateo e San Xiao), nas que se impartirán as clases cando se forme un grupo cun mínimo de asistentes. As inscricións neste caso, tal e como recalcou a edil, xestiónanse a través das respectivas entidades veciñais nos seus locais sociais.