NOVAS

Concurso de Comparsas de Entroido de Narón: Tróupele, Tróupele gaña o primeiro premio

Publicado o 09 de Febreiro de 2016

O Pazo da Cultura acolleu o pasado sábado día 6 o tradicional Concurso de Comparsas organizado polo Padroado de Cultura de Narón.

O xurado que valorou as actuacións das dez agrupacións e concedeu o primeiro premio a Tróupele, Tróupele, de Narón, se ben, o segundo e o terceiro recaeron nas comparsas A Canteira, de Neda, e Semente de Trasancos, de Narón.

O agasallo que recibiron foi unha figura do Entroido –unha máscara artesá-, a maiores da dotación económica pola súa participación, de 600 euros para as comparsas de Narón e 300 para as de fóra do municipio. Os encargados de entregar os premios foron a vicepresidenta do Padroado e alcaldesa en funcións, Marián Ferreiro; o xerente do Teatro Colón da Coruña, Valentín Rodríguez, e Rosi Caneiro, en representación da empresa Tedaga.

Os integrantes das formacións Tróupele,Tróupele, da Gándara; Argalleiros, tamén da Gándara; Os Colludos, do Alto do Castiñeiro; Semente de Trasancos, de San Mateo de Trasancos; Os Parrandolos, de Piñeiros; Os nenos de Lola, da Solaina; A Revolta, de Ferrol; Os Trastos, de Valdoviño; A Canteira, de Neda e Xente de aquí e de acolá, de Pontedeume, comezaron a actuar a partir das seis da tarde no Pazo, onde se deron cita veciños e veciñas para gozar coas satíricas letras das cancións destas comparsas.

As relacións dos concellos de Ferrol e Narón, as políticas do PP en Madrid, os investimentos a realizar na localidade, o pasado e o futuro da corporación local e o saneamento da ría foron algúns dos asuntos que centraron as animadas letras das cancións que, durante uns dez minutos, interpretaban sobre o escenario os integrantes das diferentes comparsas. O festival prolongouse durante algo máis de dúas horas.

A alcaldesa en funcións de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu a participación das dez comparsas neste festival organizado na localidade e tamén o respaldo -coa súa asistencia- da veciñanza a este acto, “co que desde o Concello quixemos celebrar un ano máis estas datas de Entroido, amenizando unha xornada da que poder gozar tanto as persoas maiores como os nenos e nenas, ataviados cos seus disfraces para ambientar esta festividade”.