NOVAS

Doce carrozas partirán mañá ás 16.00 h de Xuvia na Cabalgata Solidaria do Concello de Narón

Publicado o 04 de Xaneiro de 2016

Os tres Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, irán acompañados na comitiva polo rei da solidaridade, Artabán

e percorrerán un tramo da estrada de Castela, entre Xuvia e o Alto, ata chegar á Praza de Galicia, onde baixo unha carpa se celebrará unha gran festa dirixida ao público infantil.

No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan celebrar o desfile da comitiva pola estrada de Castela as actividades desenvolveranse tal e como están previstas na Praza de Galicia, a partir das 17:30 horas.

O acto institucional comezará coa recepción a Melchor, Gaspar, Baltasar e Artabán, a partir das 17.30 horas, na Praza de Galicia, onde pronunciarán un pequeno discurso dirixido aos máis pequenos da casa.

A continuación Dani Ríos cantará o vilancico “Narón brilla en Nadal, acompañado polas perdoas asistentes, que tamén interpretarán unha panxoliña ensaiada nas últimas semanas nas parroquias por nenos/as e persoas maiores. Finalizadas as actuacións os nenos e nenas poderemos falar cos catro Reis Magos, que repartirán caramelos e gozar cos “cantabailes”.

As doce carrozas transportarán parte dos alimentos e produtos de hixiene doados por particulares nas últimas semanas e que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón para repartilos nos vindeiros días entre as familias con escasos recursos económicos.

Vémonos en Xuvia!