NOVAS

I Obradoiro no planetario do parque temático de Aldea Nova

Publicado o 09 de Marzo de 2016

O concelleiro de Medio Ambiente, Octavio Dopico, e o xerente da empresa que xestiona as instalacións, Pename, Fernando Beceiro, presentaron onte a primeira das actividades que se desenvolverá no planetario do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova, na parroquia de Sedes.

O concelleiro de Medio Ambiente, Octavio Dopico, e o xerente da empresa que xestiona as instalacións, Pename, Fernando Beceiro, presentaron onte a primeira das actividades que se desenvolverá no planetario do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova, na parroquia de Sedes.

 

  1. O vindeiro xoves, día 10, un total de 48 alumnos e alumnas de educación Infantil do Colexio Rural Agrupado de Narón participarán no primeiro taller de astronomía que se desenvolverá no planetario, entre as 10.00 e as 13.00 horas.

 

 

A oferta deste espazo está previsto completala con talleres de bioloxía –con acuarios, terrarios…- e de ciencia –física, química…- nos vindeiros meses. Ademais estanse organizando xa novas actividades, como unhas sesións de astroloxía que poderían realizarse semanalmente cun programa a desenvolver tanto dentro do planetario como no mirador do exterior de Aldea Nova.

O concelleiro de Medio Ambiente recordou que no parque temático Aldea Nova se convocan actividades durante todo o ano, dirixidas a persoas de diferentes idades. “O ano pasado 1.572 alumnos e alumnas de centros de ensino do concello de Narón visitaron as instalacións e confiamos en poder incrementar esta cifra coas actividades que se desenvolverán a partir de agora no planetario”, apuntou Dopico.

A empresa Pename ten xa concertados talleres de astronomía con centros educativos de Ferrol, da Coruña, Lugo, Viveiro, Malpica… e desde a xerencia apuntouse que as persoas interesadas en concertar visitas ou participar nas actividades que se programen en Aldea Nova poden facelo chamando ao número de teléfono 608 048 031, ou escribindo un correo electrónico á dirección: aldeanovagranja@gmail.com.

O concelleiro de Medio Ambiente de Narón animou aos diferentes colectivos do municipio e da comarca, así como ás persoas doutros concellos, a facer uso destas instalacións municipais, “nas que se pode gozar dunha xornada formativa e, ao tempo, lúdica, con diversas actividades pensadas para persoas de diferentes idades”.

Vémonos nas estrelas de Aldea Nova!