NOVAS

II Desfile Solidario a beneficio do Centro de Recursos

Publicado o 30 de Maio de 2014

O Auditorio Municipal da Praza de Galicia acolle hoxe, venres 30 de maio, a partires das 20:00 horas, o II Desfile Solidario a beneficio do Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón.

Tódalas colaboracións e doazóns que se recaden irán destinadas a atender ós usuarios/as deste centro, xestionado polas ONG’s Cáritas e Dignidad. Os despachos de billetes do Auditorio abrirán unha hora antes do comezo do evento, ás 19:00 horas.

Para asistir a este desfile benéfico tan só haberá que achegar 1 quilo de alimentos ou produtos de hixiene, ou ben realizar un donativo voluntario. Ademais, a organización porá á venda unha serie de rifas (ó prezo de 1 euro) para participar no sorteo de numerosos regalos doados por firmas comerciais de Narón. 

A Concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García, presentou este evento o pasado martes 27 de maio, acompañada polo presidente de Cáritas Interparroquial de Narón, José Manuel González, e María Quintía, traballadora social de Dignidad.

No desfile participarán usuarios e voluntarios de Cáritas e Dignidad, funcionarios do Concello de Narón e representantes políticos, coma o Alcalde, José Manuel Blanco, e as Concelleiras de Acción Social e Turismo, Catalina García e María Rodríguez Porto, respectivamente.

Ademais contarase con varias actuacións musicais, entre elas a Coral de Maiores do Concello de Narón, o grupo de folk ‘Vai rañala meu!’ e o artista Carlos Mosquera ‘Mos’.