NOVAS

III Edición do Mercado de 2ª Man

Publicado o 18 de Novembro de 2013

Hoxe luns 18 de novembro ábrese o prazo de inscrición no III Mercado de 2ª Man de Narón, que se vai celebrar o vindeiro domingo 22 de decembro no Recinto Feiral do Trece en Sedes, entre as 11-14:00 horas e as 16-20:00 horas.

Se estades interesad@s en ir poderedes descargar a solicitude de participación na web do Concello, e tamén no Rexistro Xeral do Concello, onde vos facilitarán o impreso. Terédelo que entregar unha vez cuberto neste mesmo servizo. Nesta edición contamos con 60 postos dispoñibles, e que serán adxudicados en rigorosa orde de inscrición. Bulide que voan!

Canto tedes que pagar? Nada, nin un peso! A inscrición é de balde, as únicas condicións que poñen dende a Concellería de Feiras e Mercados é que seades maiores de 18 anos e vendedores particulares (ollo! Non se aceptan comerciantes nin vendedores ambulantes). Que tedes que levar? O material que queirades vender, porque dende o Concello proporcionaranvos unha mesa e unha cadeira.

Que pasa se a última hora non podedes asistir? A inscrición implica un compromiso pero no caso de non poder asistir, teredes que avisar cun mínimo de 5 días de antelación, posto que acostuma a haber unha forte demanda de participación. E que é unha experiencia realmente entretida! Ninguén o quere perder!