NOVAS

Imaxes con Fondo

Publicado o 23 de Abril de 2012

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sorprende neste 2012 co concurso ‘Imaxes con Fondo’.

O concurso é unha ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas co entorno do planeta e coas persoas que nel habitan.

Se es capaz de combinar unha fotografía cun texto de 140 caracteres (un tweet), podes participar, sensibilizar e até gañar un premio

E LEMBRA, A IDEA É MÁIS IMPORTANTE QUE A CALIDADE DA TÚA CÁMARA FOTOGRÁFICA...

‘Imaxes con Fondo’ divídese en dúas categorías con cadansúa temática:

  • Categoría xuvenil (de 13 a 17 anos, ambos inclusive): As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendido como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.
  • Categoría adultas/os (de 18 anos en adiante): As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.


Haberá só un premio por categoría:

  • Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.
  • Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo será realizada no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración.


Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha. As fotografías deberán ser presentadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo.

Pero, o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos dende o 15 de abril ata o 15 de outubro de 2012 no seguinte enderezo electrónico: imaxesconfondo@yahoo.es . Para máis información poden escribir un correo electrónico a dito enderezo ou chamar ao 698 156 127.

Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.

Bases do Concurso: Imaxes con Fondo