NOVAS

Máis de 670 alumnos e alumnas de centros de ensino da cidade participan na segunda edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria

Publicado o 20 de Xaneiro de 2020

Durante a primeira fase das Olimpíadas, o alumnado recibirá unha serie de charlas formativas. Ao remate do período, realizarase un test en base ao aprendido no cal serán seleccionados os equipos que competirán na final no Pazo da Cultura, en abril.

O Concello organiza a segunda edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria nas que un ano máis colabora a Confederación Nacional de Autoescuelas (CNAE). Esta iniciativa impúlsase a través da Concellería de Seguridade Cidadá (equipo de Educación Viaria), á fronte da que está o edil Román Romero, e conta coa colaboración da de Servizos, presidida polo edil Ibán Santalla. Durante a mañá do pasado mércores quince tiñan lugar as actividades enmarcadas na primeira fase con alumnado dos colexios de Piñeiros e Santiago Apóstol, e tamén se realizarán nos centros de ensino Virxe do Mar, Jorge Juan, Ayala, A Gándara, A Solaina, O Feal e Ponte de Xuvia. En total, tal e como indicou Romero, “algo máis de 670 rapazas e rapaces, concretamente 672, participarán nesta segunda edición das Olimpíadas Escolares organizadas polo Concello”.

Un total de corenta e sete rapazas e rapaces de quinto e sexto curso de Primaria do colexio de Piñeiros participaron o día 15, a partir das 9.15 horas e ata as 11.15, nunha charla sobre Medio Ambiente e outra sobre os tanques de tormentasimpartidas por persoal de Urbaser e da empresa Acuaes,respectivamente. Tamén esa mañá tivo lugar no colexio Santiago Apóstol unha charla sobre Seguridade Viariaimpartida por Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón e por Gabriel Ramos, directivo do club Clásico Bikeworks, á que acudiron medio cento de alumnas e alumnos de quinto de Primaria do citado centro. A duración de cada unha das charlas foi de aproximadamente unha hora.

A cita repetirase con outros alumnos e alumnas dos colexios Ayala, Virxe do Mar, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, A Gándara, A Solaina e O Feal ata mediados do vindeiro mes de marzo, cando rematará esta nova fase das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria. A maiores das temáticas abordadas a semana pasada nos dous colexios da cidade, tamén se impartirán outras sobre Patrimonio Cultural do Concello, tema sobre o que falará Pedro Caneiro, integrante do equipo de Educación Viaria do Concello; Matemáticas aplicadas ao programa de Educación Viaria e Inglés aplicado ao programa de Educación Viaria, estas dúas últimas a cargo de profesorado dos propios centros de ensino que participan nesta iniciativa municipal.

A primeira das fases destas olimpíadas será a formativa e ao remate da mesma o alumnado realizará un test no que se seleccionarán os grupos de escolares de cada curso que participarán na final prevista para o 17 de abril no Pazo da Cultura, explicou Romero. O edil naronés indicou tamén que previamente, o 15 de abril, terá lugar unha xincana con bicicletas na Praza de Galicia, que será puntuable e na que os menores realizarán probas de habilidade sobre a bicicleta nun circuíto que se habilitará na citada ubicación. 

“Queremos agradecer a colaboración dos centros de ensino que se participan nesta iniciativa e tamén da Confederación Nacional de Autoescuelas e do persoal que imparte as charlas e, ao mesmo tempo, animar aos rapaces e rapazas a que gocen desta nova edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria”, apuntou  Romero.