NOVAS

Máis de setecentos estudantes de centros públicos de Narón actuaron onte e seguirano facendo no día de hoxe no Pazo no marco das actividades do XXIX Certame Intercentros Concello de Narón

Publicado o 19 de Abril de 2018

Un total de 705 alumnas e alumnos de centros de ensino públicos de Narón –Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato- desprazáronse onte mércores e seguirano facendo no día de hoxe; ao Pazo da Cultura para participar nunha das actividades da vixésimo novena edición do Certame Intercentros Concello de Narón.

Así o indicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que explicou que “a partir das dez da mañá, estes dous días o alumnado, dividido en grupos, actuará no Pazo, amosando os traballos realizados nas modalidades de Expresión oral e Canción en galego, dúas das incluídas neste concurrido certame”. A edil naronesa recordou que este ano o centro que organiza a convocatoria é o colexio do Feal –cuxo alumnado realizou o cartel que anuncia este evento- e avanzou que a entrega de premios das diferentes modalidades deste evento educativo terá lugar o vindeiro 14 de maio no Pazo da Cultura.

Na xornada de onte –a partir das 10.00 horas- coñecéronse os traballos realizados por un total de 513 alumnas e alumnos do CRA e dos colexios de Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Solaina, O Feal e Virxe do Mar, nas modalidades de Canción, Canción e poesía, Expresión oral e Teatro. No día de hoxe, actuarán 192 escolares da Gándara, Ponte de Xuvia, O Feal e Virxe do Mar, neste caso nas modalidades de Canción, Teatro e Expresión oral, dependendo do curso.

“Nos actos que terán lugar no Pazo contamos un ano máis coa colaboración da Escola de Teatro de Narón, agradecéndolles de antemán que sexan algúns dos seus alumnos e alumnas os encargados de presentar as actividades que terán lugar os dous días”, apuntou Taibo. A edil recordou ademais que ata o vindeiro 15 de maio permanece exposta na entrada do Pazo a exposición cos traballos de Murais e Conto ilustrado que se presentaron a esta convocatoria do XXIX Certame Intercentros Concello de Narón.

“Esta convocatoria representa unha magnífica oportunidade para que o estudantado de Narón que participa dea renda solta á súa creatividade, elixindo entre varias posibilidades á hora de realizar uns traballos moi vencellados á nosa cultura e, sobre todo, á nosa lingua”, destacou Taibo.