NOVAS

Margarita Soto Martínez e Marcos González Bahamonde, gañadores de dúas cestas sorteadas na campaña "Comercio de Narón, en Nadal e sempre"

Publicado o 29 de Decembro de 2017

O Concello de Narón acolleu esta mañá, ás 12.30 horas, o acto de entrega de dúas cestas con produtos navideños sorteadas no marco da campaña "Comercio de Narón, en Nadal e sempre".

Nesta ocasión os agasallos foron para Margarita Soto Martínez, veciña de Narón, e Marcos González Bahamonde, de Valdoviño, que realizaron as súas compras nos establecementos Xoguetería Galicia e Bioreona, respectivamente. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar entregaron os premios xunto con Rocío Rodríguez, da Asociación de Comerciantes de Narón.

Ferreiro e Villamar felicitaron aos gañadores das cestas sorteadas e recordaron que a maiores das catro xa entregadas a través desta campaña –as dúas de hoxe e outras dúas o pasado día 20- agora a clientela dos comercios adheridos á campaña opta a catro premios en metálicoO día 12 de xaneiro está previsto celebrar no Concello o acto de entrega de catro vales, por un importe de 500 euros dous deles e outros dous de 300 para gastar como mínimo en tres establecementos que participan na iniciativa “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”. Entre os días 8 e 9 de xaneiro a organización encargarase de recoller as urnas nos establecementos participantes nesta campaña, para posteriormente proceder ao sorteo dos vales.

O pasado día 15 de decembro iniciábase esta campaña, que permanecerá activa ata o 8 de xaneiro e na que participan máis dun centenar de establecementos comerciais da cidade. Os propietarios de comercios que aínda non se adheriran están a tempo de facelo a través da páxina web da Asociación de Comerciantes de Narón www.comerciodenaron.es, que organiza un ano máis co Concello esta campaña. Os clientes que realicen compras nos comercios implicados nesta proposta recibirán uns tíckets -nos que deberán cubrir os seus datos persoais- que terán que depositar nas urnas localizadas nos establecementos para poder participar así nos sorteos.