NOVAS

Narón asina con outros 11 concellos un protocolo de colaboración para o fomento da lingua galega na infancia

Publicado o 24 de Marzo de 2015

A Concelleira de Educación de Narón, e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Mª del Carmen Espada, participou onte na firma dun protocolo de colaboración entre doce concellos galegos, para a organización do programa "Apego".

A Concelleira de Educación de Narón, e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Mª del Carmen Espada, participou onte na firma dun protocolo de colaboración entre doce concellos galegos, para a organización do programa "Apego".

Que é esto de "Apego"? Trátase dunha iniciativa dirixida a fomentar e mellorar a transmisión do galego, na que Narón non estará só, tamén participarán os seguintes municipios: Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Por que se organiza este programa? Xude diante da constatación da  perda da transmisión interxeracional da lingua, e as dificultades para a socialización en galego dende a primeira infancia. Estes concellos concienciados coa problemática da nosa lingua consideran fundamental a súa implicación para mudar esta situación, procurando o incremento da porcentaxe de xente nova que adquiren o galego como lingua inicial e promovendo o seu uso habitual.

Como o van facer? Asinaron un protocolo coa fin de organizar de forma conxunta e coordinada un programa para fomentar e mellorar a transmisión da lingua galega, ao que lle deron o nome de "Apego". Desta forma organizarán diferentes accións para sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos, e fomentar o aumento do uso do galego no contexto familiar e social da mocidade nas primeiras idades.

A posta en marcha deste programa incluirá:

 

  • Inicialmente, a edición dunha campaña informativa con material para entregar ás mulleres embarazadas, para preparar a acollida das crianzas (libro informativo, álbum de lembranzas e outros recursos). O reparto deste material realizarase a partires do mes de maio no Concello, unha vez estea presentada a campaña. 
  • Posteriormente a entrega dun CD para os novos nacementos (e adopcións) cuna selección de música en galego
  • A creación dun espazo web para as familias sobre o desenvolvemento do programa, así como obradoiros formativos.