O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a presidenta de Cáritas diocesana de Mondoñedo-Ferrol, Josefina Rebés, asinaron onte día 26 de maio un convenio de colaboración para a realización do “Curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios”, que se desenvolverá a partires de hoxe no Centro Municipal de Formación "Irmáns Froilaz" (A Gándara), impartido pola Fundación Endesa.
Este curso está dirixido a desempregados usuarios de Cáritas, e que forman parte dos programas de inclusión social.
En conxunto, serán 13 alumnos os que se beneficien destas ensinanzas, nestas instalacións cedidas expresamente para tal fin. “Temos que agradecer especialmente ó Concello de Narón a súa disposición para colaborar con Cáritas sempre que solicitamos a súa axuda. Especialmente nesta ocasión, que nos ceden as aulas de formación porque non hai na comarca ningunha outra instalación destas características” declarou Josefina Rebés. A presidenta de Cáritas en Ferrol engadiu que neste municipio “sempre atopamos facilidades, proximidade e un gran apoio”.
Pola súa banda, o Alcalde de Narón destacou a importancia da colaboración entre as institucións “porque deste xeito sempre se acada un resultado positivo. Contades con nos para o que necesitedes” declarou José Manuel Blanco.
O Concello de Narón cederá a Aula-Taller de Electricidade e a Aula Dixital para impartir este curso, que conta entre os seus alumnos con 6 veciños de Narón. Tamén achegará a colaboración de dous técnicos municipais por se fose necesario algún tipo de axuda ou asesoramento.
O obxectivo deste curso de formación é abrir portas de cara ó mercado laboral, tal e como recalcou a presidenta de Cáritas. “Ademais, nestes momentos tan complicados que estamos a vivir, a formación é fundamental” concluíu o Alcalde de Narón.