NOVAS

O alcalde asinou o martes dous convenios de colaboración coas asociacións Xeración e Gaikai

Publicado o 06 de Xullo de 2017

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou na mañá do martes no Concello dous convenios de colaboración cos presidentes das asociacións Xeración (xuvenil) e Gaikai (cultural), Fracisco Xosé Sequeiro e Beatriz López, respectivamente

Ao acto acudiron tamén as concelleiras de Mocidade, Natalia Hermida, e Acción Social, Catalina García. O rexedor local destacou o traballo que realizan ambas entidades en Narón, con diferentes colectivos, e animou aos seus representantes a continuar traballando na mesma liña, a partir de agora, tamén desde a Casa da Mocidade, donde dinamizarán as actividades a realizar durante as fins de semana e dirixidas aos rapaces e rapazas, tal e como se contempla no acordo rubricado hoxe.

As asociacións xuveníl Xeración e cultural Gaikai ofertarán aos mozos e mozas obradoiros no ámbito do lecer, podendo utilizar determinados espazos –a excepción da biblioteca, as aulas de informática e de música moderna- sempre supeditados ás necesidades do Concello para actividades municipais. O horario de uso será de luns a domingo, entre as 8.00 e as 00.00 horas pero a Casa da Mocidade non poderá ser sé de ningunha das citadas entidades, según figura no convenio.

O Concello achegará recursos humanos –asesoramento técnico administrativo do Servizo Sociocomunitario- en materia do acordo e programas a desenvolver, e as propias instalacións, debendo pola súa banda as asociacións presentar memoria das actividades desenvolvidas, entre outros acordos. A vixencia do mesmo será ata o 31 de decembro deste ano.