NOVAS

O alcalde de Narón asina dous convenios de colaboración co Kárate e co Voleibol

Publicado o 06 de Xuño de 2014

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou o pasado xoves 5 de xuño dous convenios de colaboración en materia deportiva cos seguintes clubs:

  • Escola Superior de Kárate de Narón. Asinou o convenio o seu presidente, Gustavo Vázquez Estévez. Importe do convenio: 9.000€.
  • Club Narón Volea. Asinou o convenio o seu presidente, Plácido Vicente Armada. Importe do convenio: 6.000€.

 

A vixencia de ambos convenios é anual e corresponde ó ano 2014. O obxecto destes acordos é o fomento e a potenciación da práctica do Kárate e do Voleibol, dende as categorías base ata a categoría senior.

Na firma dos convenios tamén estivo presente a Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, quen destacou o excelente momento que está a vivir o deporte en Narón neste ano, no que os clubs teñen acadados importantes éxitos no que vai de 2014.

Así, a Escola Superior de Kárate de Narón (con 65 deportistas federados) proclamouse Campiona Galega nas categorías de cadete, junior, sub21 e absoluto, e Subcampiona Galega e bronce en alevín, infantil e xuvenil. Tamén acadou 3 medallas de bronce nos Campionatos Internacionais de Kárate celebrados recentemente en Madrid, nas categorías junior e absoluto.

E o Club Narón Volea (con aproximadamente 90 deportistas federados) resultou Campión Galego Alevín en 2014 na categoría feminina, e subcampión no Campionato Galego Mixto. Tamén gañou a Liga zonal nas categorías de benxamín e alevín.