NOVAS

O Concello abre hoxe o prazo de inscrición no programa municipal Informática Divertida (INDI) que se impartirá na Aula Cemit de Xuvia

Publicado o 05 de Decembro de 2018

A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo de inscrición, hoxe, no Programa Municipal Educativo INDI (Informática Divertida), dirixido a rapazas e rapaces de 8 a 12 anos empadroados en Narón.

As sesións programáronse do 24 de decembro ao 4 de xaneiro –de 10.00 a 13.30 horas- na Aula Cemit de Xuvia e tamén nos locais sociais de Castro, San Xiao, Sedes, San Mateo, na Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Pedroso), en Doso e no Val. Coincidindo cos festivos de Nadal e Aninovo, as sesións non se impartirán os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Os participantes aprenderán a programar con Minecraft e Star Wars e tamén Programación con bloques, a realizar tarxetas de Nadal con Gimp e a elaborar Cómics dixitais. As inscricións tramítanse a través do Rexistro Municipal e da Sede Electrónica do Concello de Narón -https://sedeelectronica.naron.es/siac/Procedimiento_ver_doc.aspx?sol=94-  nos casos das que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia, se ben para asistir ás que terán lugar nas parroquias se deben tramitar desde as propias entidades veciñais, tal e como recordou Natalia Hermida.

En total ofértanse oitenta e cinco prazas, quince para a Aula Cemit de Xuvia –que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición- e as setenta restantes nos locais das parroquias, dez en cada un deles, apuntou a edil naronesa. Para convocar as sesións no rural será preciso que se formen grupos mínimos de oito rapaces e rapazas. 

“O Concello de Narón ofrece un ano máis este programa municipal dirixido aos nenos e nenas, para que durante as vacacións do Nadal poidan disfrutar dunha proposta lúdica e, ao tempo, educativa, relacionada coa robótica”, indicou Hermida. 

A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías explicou que “este ano desde o Concello incrementamos o número de horas deste programa municipal de Nadal, que pasan a ser un total de 224 ofertadas na zona urbana e rural”.

As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (ext. 1517).