NOVAS

O Concello abre o prazo de inscrición no campamento municipal Narón Mocidade Activa que terá lugar no mes de xullo

Publicado o 19 de Xuño de 2018

O Concello de Narón abriu onte o prazo para inscribirse no campamento municipal Narón Mocidade Activa, dirixido a unha vintena de mozas e mozos nados entre os anos 2002 e 2005 e empadroados en Narón.

A concelleira de Mocidade, Natalia Hermida, explicou que se trata dunha iniciativa que se desenvolverá entre o 16 e o 21 de xullo e que consta de varias actividades.

As persoas interesadas en anotarse –de balde, rematando o prazo o 2 de xullo- poderán facelo descargando e cubrindo esta instancia ou solicitala no Rexitro municipal, se ben tamén se pode tramitar a inscrición a través da Sede Electrónica do Consistorio.

Hermida avanzou que as instalacións da Casa da Mocidade (A Gándara) e do Parque Temático de Aldea Nova (Sedes), así como a praia de Esmelle (Ferrol), son as zonas nas que se impartirán as diferentes actividades, que arrancarán o día 16 de xullo coa presentación dos participantes e un obradoiro de graffite na Casa da Mocidade. Nesa mesma ubicación haberá un obradoiro de muralismo o día 17 e, nas súas inmediacións, no skatepark, un obradoiro de iniciación ao skate e ao parkour. Na xornada do 18 de xullo a programación continuará na praia de Esmelle, cun obradoiro de iniciación ao surf e unha actividade alternativa –para a primeira delas é imprescindible saber nadar-. O xoves 19 haberá un obradoiro de igualdade e corresponsabilidade e outro de muralismo na Casa da Mocidade e o venres 20 as actividades terán lugar nas instalacións de Aldea Nova, consistindo nesa xornada nunha andaina desde a Casa da Mocidade ata Aldea Nova; xogos de pistas e dinámicas grupais e unha cea e pernocta en Aldea Nova. Por último, indicou a edil, rematará a programación cun almorzo, xogos e dinámicas grupais, un obradoiro de cociña e un xantar grupal en Aldea Nova.

As actividades terán lugar en horario de tarde, desde as 16.30 ata as 20.30 horas, de luns a xoves, e o venres de 16.30 con pernocta ata o sábado ás 16.30.

A concelleira de Mocidade explicou que as prazas adxudicaranse de xeito directo no caso de que a demanda non supere á oferta das mesmas e, se fose superior, realizarase un sorteo público o día 5 de xullo ante o secretario xeral do Concello naronés.

Esta é a primeira edición deste campamento dirixido ás mozas e mozos de Narón, unha proposta lúdica e tamén cun apartado formativo que lles permitirá relacionarse con persoas da súa mesma idade e desfrutar dunha serie de obradoiros cunha oferta moi completa en cando á súa temática”, subliñou Hermida.

   
Documento Tamaño
S-SOC-35_Solicitude_Campamento_Mocidade_Activa_LPACAP.pdf 381.46 KB