NOVAS

O Concello abre o prazo de inscrición no programa municipal Informática Divertida (INDI) na Aula Cemit de Xuvia

Publicado o 09 de Decembro de 2019

Ofértanse quince prazas que serán cubertas por xoves de entre 8 e 12 anos.

O Concello abre hoxe o prazo de inscrición no programa municipal educativo INDI (Informática Divertida). A edil de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que o prazo para poder anotarse nas sesións que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia –un total de quince prazas e 28 horas- manterase aberto ata o día 18 deste mes. As sesións diríxense a rapazas e rapaces de 8 a 12 anos empadroados en Narón e impartiranse entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro (os días 25 de decembro e 1 de xaneiro non haberá actividade) entre as 10.00 e as 13.30 horas de luns a venres. A actividade ofreceuse tamén dende o Concello na zona rural, donde se ofertan prazas –dez por entidade- nos centros cívicos sociais de Castro, San Xiao, Sedes, San Mateo, na Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Pedroso), en Doso e no Val.

Os participantes aprenderán a programar con Minecraft e Star Wars e tamén programación con bloques, a realizar tarxetas de Nadal con Gimp e a elaborar cómics dixitais. As inscricións para a Aula Cemit de Xuvia tramítanse a través do Rexistro Municipal, de luns a venres entre as 8.30 e as 13.30 horas e o formulario de solicitude está dispoñible no Rexistro Xeral e na Sede Electrónica do Concello. Así mesmo, no caso da zona rural as inscricións tramitaranse nas propias entidades veciñais de cada parroquia. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, sendo preciso na zona rural formar grupos cun determinado número de participantes para poder realizar a actividade.

As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono: 981 337 700 (extensións 1502 e 1123).