NOVAS

O Concello abre o prazo de inscrición para participar en Depornadal 2014, no que se ofrecen ata 11 deportes diferentes en sesións de 90 minutos

Publicado o 09 de Decembro de 2014

A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, ven de anunciar a apertura do prazo de solicitude para participar no programa de ocio deportivo Depornadal 2014, dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos de idade empadroados en Narón e de carácter gratuito.

O programa  desenvolverase nas seguintes datas: 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro de 2014, e 2 de xaneiro de 2015. As actividades se levarán a cabo nos seguintes lugares: Complexo Polideportivo Municipal de A Gándara, Pavillón da Mocidade, School Padel Center, Pavillón Campo da Serra e San Mateo Centro de Pádel.

Neste programa están incluídas un total de 11 disciplinas deportivas: Tenis de Mesa, Tiro con arco, Natación, Judo, Balonmán, Voleibol, Padel, Fútbol-sala, Baloncesto, Patinaxe e Atletismo. Cada día realizaranse dúas actividades diferentes de unha hora e media de duración (de 10:00 a 11:30 e de 11:30 a 13:00 horas) en función do número de inscritos. O horario será sempre de mañá. 

Segundo explicou a edil de Deportes, este programa ten varios obxectivos como “a práctica de diferentes deportes de xeito lúdico, facilitar a conciliación laboral e familiar no Nadal, fomentar nesas datas a práctica deportiva e coñecer algunhas das modalidades deportivas presentes no noso concello” indicou Natalia Hermida.

O prazo de inscrición está aberto dende hoxe e ata o día 18 de decembro  -incluído- no Complexo Polideportivo de A Gándara (polas mañás nas oficinas de 9:00 a 13:00 horas e polas tardes na conserxería de 15:15 a 23.00 horas).Os participantes deberán traer roupa axeitada para a práctica deportiva (como tenis e chandal). Ademáis, no caso da Natación deberán saber nadar e traer bañador, gorro e chanclas. E para o Patinaxe, deberán traer patíns.

Depornadal 2014 conta coa colaboracións dos seguintes clubes deportivos: Club Cidade de Narón, Club Arco de Narón, A.D. Náutico de Narón, Club Narón Volea, Club Tenis de Mesa de Narón, School Padel Center, San Mateo Centro de Padel, A.D. Santiago Apóstol, Judo Club Narón, Atletismo Narón, e ACD Gazapo.