Esta iniciativa está dirixida a rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos, que aprenderán a programar con Minecraft e Star Wars, traballar con GIMP e elaborar un cómic dixital.
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou que o Concello abrirá o mércores desta semana, día 9, o prazo de inscrición no programa Informática Divertida (INDI) dirixido a menores de 8 a 12 anos empadroados en Narón. A edil explicou que as sesións de INDI se desenvolverán na Aula Cemit de Xuvia os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, en dúas quendas, de mañá -10.00 a 13.30- e de tarde -16.00 a 19.30 horas-, debido á actual situación sanitaria. “En cada unha das edicións hai un total de nove prazas, que se cubrirán por orde de inscrición”, asegurou Hermida.
As rapazas e rapaces que acudan á convocatoria aprenderán a programar con Minecraft e Star Wars e tamén programación con Bloques, a facer tarxetas de Nadal con GIMP e a elaborar un cómic dixital. “O programa INDI ten unha moi boa acollida entre as rapazas e rapaces de Narón cada ano, polo que novamente decidimos convocalo adaptando o seu desenvolvemento á actual situación sanitaria, para ofrecer as máximas garantías de seguridade aos asistentes”, asegurou a edil naronesa. Hermida animou ás mozas e mozos de Narón a participar nesta convocatoria, que é de balde e na que poderán aprender a utilizar diferentes programas informáticos dun xeito divertido”.
As solicitudes deberán presentarse dende o día 9 de decembro ás 8.30 horas ata o 17 de decembro ás 13.30 horas no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica de Narón –onde se pode consultar toda a información deste programa- ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica. Para obter máis información sobre o programa INDI pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 ou 1123).