NOVAS

O Concello abriu hoxe o prazo de inscrición no curso de “Reposición, caixa e atención seccións supermercados”

Publicado o 12 de Xaneiro de 2023

O Concello de Narón abriu hoxe o prazo de inscrición nun novo curso do Programa municipal de Formación.

Así o anunciou a concelleira responsable da área, Natalia Hermida, indicando que se trata dunha acción formativa sobre “Reposición, caixa e atención seccións supermercados”. A edil naronesa recordou que se dirixe a persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Narón e desempregadas, estando dispoñibles 15 prazas e que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. As inscricións poden tramitarse a través da Sede Electrónica do Concello, do Rexistro municipal, ou mediante os restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. 

O curso de “Reposición, caixa e atención seccións supermercados” terá unha duración total de 215 horas, que se prevén impartir do 24 deste mes ao 28 de marzo –de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas- no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Inclúe unha parte de prácticas profesionais non laborais, cinco horas ao día, que terán lugar en empresas colaboradoras, que fixarán o horario das mesmas. En canto ás materias a abordar, impartiranse clases de Prevención de riscos laborais específicos do posto de traballo; Comunicación e atención á clientela; Loxística e técnicas de venda; Procedementos de cobro e pago das operacións de venda, e Organización, distribución e reposición de produtos, entre outros. As inscricións para este curso poderán tramitarse desde o día 12 de xaneiro ás 8.30 horas ata o día 18 de xaneiro de 2023 ás 13.00 horas.

As persoas interesadas en obter máis información poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello, da páxina web do Concello de Narón www.naron.es, na sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais, ou contactando co Servizo Sociocomunitanio no teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).