O Concello de Narón abriu a mañá do 25 de setembro o prazo de inscrición na Aula de Ensaio e nos obradoiros impulsados dende a Concellería de Mocidade, dirixida polo edil Pablo Mauriz, a través da Escola de Música Moderna.
Obradoiros de iniciación ao piano, de iniciación á batería, de iniciación á guitarra e Aulas de Ensaio para grupos musicais son as propostas da citada Escola. Os obradoiros, que se impartirán entre os meses de outubro deste ano e maio de 2020 na Casa da Mocidade (A Gándara) diríxense a mozas e mozos empadroados en Narón, de entre 12 e 30 anos, e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O obradoiro de iniciación ao piano contará cun total de catro prazas. As sesións impartiranse os luns e xoves de 16.00 a 17.00 horas. O teclado e as notas musicais, ritmo e compases, silencios do piano, aprender o paso do polgar, primeiros acordes, figuras de valor con piano, e dixitalización e posición do piano son parte dos temas que se abordarán nas aulas.
En canto ao obradoiro de iniciación á batería, dispón tamén de catro prazas e as clases impartiranse os luns e mércores de 20.30 a 21.30 horas. O control das baquetas e dos pés, a técnica de Moeller, os golpes de Moeller, paradiddles, redobres, flams e coordinación e dependencia están entre os contidos das clases. O alumnado terá a oportunidade de aprender a tocar a batería e a dominar algúns fundamentos básicos deste instrumento.
Outra das posibilidades que se ofertan dende a Escola de Música Moderna é o obradoiro de iniciación á guitarra. Neste caso formaranse dous grupos de catro persoas como máximo cada un deles. Un dos grupos asistirá ás clases os mércores e venres de 17.00 a 18.00 horas e outro os luns e xoves de 17.00 a 18.00. As partes da guitarra, afinación, melodía, uso de púa, exercicio cromático e primeiros acordes forman parte dos contidos deste obradoiro.
Un ano máis tamén se poderán solicitar as Aulas de Ensaio para grupos musicais. Mauriz explicou que as persoas destinatarias son grupos musicais con alomenos unha persoa empadroada en Narón e de entre 12 e 30 anos. Poderán acudir un máximo de cinco grupos musicais, nuns horarios previamente establecidos de luns a sábado e cuxa preferencia deberán indicar na propia solicitude. A través destas Aulas, os grupos novos de Narón dispoñen dun lugar para ensaiar e expresar a súa creatividade musical, recibindo asesoramento profesional dende a Casa da Mocidade.
A taxa por asistir a calquera dos obradoiros convocados a través da Escola de Música Moderna e para as Aulas de Ensaio é de 8,15 euros ao mes/persoa, establecida na Ordenanza fiscal número 15, que regula a taxa polos servizos prestados dende o Servizo Sociocomunitario. As solicitudes poden presentarse no Rexistro Municipal do Concello, na Sede Electrónica ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
- Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón, ou chamar aos seguintes teléfonos: 981337700 ext 1111, 1108, 1109.
Documento | Tamaño |
---|---|
cartaz.pdf | 1.34 MB |