Esta mañá presentouse a Liga nacional de Graffiti que se celebrará esta fin de semana na cidade, de venres a domingo. O túnel do Camiño Inglés –nas inmediacións da empresa Megasa-, no paseo de Xuvia, é o lugar elixido para que unha decena de graffiteiros participen nesta convocatoria organizada polo Concello.
Nauni69, Rudiart, Hide2, Sea162, Nexgraff, Jacobo Palos, Elrond, Decima PNS, Konestilo e Danklabara son dez dos mellores artistas nacionais que competirán por un premio e darán a coñecer ao público xeral o seu don para pintar coa técnica do spray. Os participantes están previamente clasificados para participar na Liga nacional de Graffitis, trala realización duns traballos previos publicados nas redes sociais e votados polo público e un xurado.
Ferreiro explicou que o venres os artistas comezarán a pintar e marcar as paredes que pintarán sobre as 10.30 horas e o sábado durante toda a xornada adicaranse a pintar os deseños elixidos para as súas obras. O domingo poderán rematar os detalles dos traballos ata as 12.00 horas, momento no que se publicarán e valorarán a través das redes sociais da Liga nacional de Graffiti e dun xurado. Ás 14.00 horas está prevista a entrega de premios ao primeiro, segundo e terceiro finalista, que recibirán unhas tarxetas agasallo e outros agasallos de patrocinadores do evento.
“Cada artista pintará unha superficie de aproximadamente 18 metros cadrados, cunha temática referente ao Camiño Inglés do Camiño de Santiago, que discurre polo tramo no que se localiza o túnel, ao seu paso polo termo municipal”, apuntou a rexedora local.
A convocatoria retransmitirase vía streaming durante tres horas tanto o venres como o sábado e unha o domingo, podendo consultarse na web da Liga Nacional de Graffiti a información dos artistas rexistrados e tamén nas contas de Instagram -@liganacionaldegraffiti- e Facebook –Liga Nacional de Graffiti-.