NOVAS

O Concello colabora co Centro de Recursos Solidarios nunha campaña de recollida de xoguetes para o Nadal

Publicado o 30 de Novembro de 2022
O Concello colabora co Centro de Recursos Solidarios nunha campaña de recollida de xoguetes para o Nadal

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, a edil responsable do Servizo Sociocomunitario de Narón, Mercedes Taibo, e a secretaria da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, Ana Pena, presentaron esta mañá a campaña solidaria de recollida de xoguetes que o Concello e a citada entidade impulsan un ano máis na cidade baixo o lema “Regala sorrisos”.

A rexedora local anunciou que se promoven dúas iniciativas, unha de recollida de xoguetes novos ou usados en bo estado e outra de recollida de doces de Nadal.

As persoas que queiran entregar xoguetes poderán facelo dende mañá ata o 21 de decembro nos centros de ensino de Narón, na Biblioteca central do Alto –donde tamén se recollerán libros- e nas tres escolas infantís municipais, as da Gándara, A Solaina e Piñeiros. En canto á campaña de recollida de doces de Nadal, desenvolverase ata o 16 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e no centro de maiores das Vivendas da Mariña, donde se poderán entregar mazapáns, turróns, mantecados e outros doces propios das datas do Nadal.

As familias vulnerables que queiran recibir algúns dos xoguetes desta campaña deben solicitalo no Rexistro do Concello dende mañá ata o 21 de decembro. Terán que cumprir unha serie de requisitos, entre eles, ter fillas ou fillos de entre 0 e 14 anos, aos que se entregarán dous xoguetes usados, un novo, un libro e un peluche, en función das existencias. A entrega realizarase os días 3 e 4 de xaneiro nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón en horario de tarde.