O Concello conmemora este ano con varios actos o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra cada 5 de xuño.
Se nesa mesma xornada se realizou un apagón ambiental na rotonda de Freixeiro e a Casa da Cultura, a programación continuará hoxe pola tarde no paseo de Xuvia, tal e como avanzou o edil en funcións de Medio Ambiente, Ibán Santalla.
A partir das 17.00 horas nas inmediacións do parque infantil desenvolveranse unha serie de obradoiros abertos á participación da cidadanía en xeral. As persoas que participen poderán realizar marxapáxinas reciclados, en colaboración con persoal da Asociación Croio, ou noutros de chef solar, de sensibilización sobre a enerxía solar que consistirá na construción dun forno solar, exposición de cociñas solares e preparación de diferentes menús -utilizando unha cociña solar- que posteriormente poderán degustar os asistentes. Haberá un terceiro obradoiro de confección de chapas conmemorativas do Día Mundial do Medio Ambiente e, a maiores, haberá un Trivial sobre Urxencia climática, un xogo con varios participantes no que terán que eliminar toneladas de CO2 nos diferentes planetas, a base de respostar unha serie de preguntas, para reducir a pegada de carbono.
A continuación, sobre as 18.00 horas, haberá unha plantación de árbores no paseo marítimo, aberta tamén á cidadanía e na que se plantarán unha decena de exemplares de árbores autóctonas. Ao remate instalaranse unha docena de identificadores de árbores no arboreto de Xuvia, que a través do escaneo dun código QR permitirá ás persoas que o desexen acceder a unha web na que se ofrece información sobre varias especies arbóreas.
“Queremos celebrar un día tan importante como o do Medio Ambiente con varias propostas dirixidas á veciñanza, que poderá implicarse nas actividades deseñadas para a ocasión e encamiñadas todas elas a respectar e coidar o medio ambiente”, recalcou Santalla, que animou a participar ás veciñas e veciños da cidade.