NOVAS

O Concello convoca un concurso de debuxo para estudantes con mensaxes e consellos de boas prácticas sobre catro temáticas

Publicado o 05 de Xuño de 2020

O concurso vai dirixido a nenas e nenos de Educación Infantil, Primaria e ESO e a mensaxe do debuxo poderá versar sobre catro temáticas diferentes.

Concello de Narón retoma un proxecto dirixido ás nenas e nenos da cidade e impulsado a través da Concellería de Seguridade Cidadá, que preside o edil Román Romero. O equipo de Educación Viaria deseñou unha novidosa proposta cun final que será unha sorpresa para os estudantes (de Infantil, Primaria, ESO e Secundaria), tal e como apuntou o edil, que explicou sobre a mesma que para poder participar deben enviar un debuxo “cunha mensaxe na que dean recomendacións ou consellos de boas prácticas sobre algunha destas catro temáticas: Covid-19, Educación viaria, Medio ambiente e Igualdade”, e envialos á dirección: seguridadevial@naron.es.

Romero indicou que os debuxos deberán ter como máximo un tamaño A4 (folio) e teñen que estar en branco e negro. A maiores, apuntou, deberán levar indicado o nome e apelidos da nena ou neno que o realice, o colexio e o curso. Para poder participar é preciso enviar os debuxos á citada dirección de correo electrónico ata o domingo 14 de xuño, incluído.

“Animamos ao alumnado da cidade a participar nesta proposta porque estamos seguros de que o resultado final, o obxectivo deses debuxos, vailles gustar moito”, asegurou o edil.