NOVAS

O Concello de Narón convoca o III Concurso de Monólogos en lingua galega “Que me dis!!”

Publicado o 08 de Marzo de 2012

A Concellería de Educación do Concello de Narón, dirixida por Mª del Carmen Espada Cortizas, convoca, a través do Servizo de Normalización Lingüística, a 3ª Edición do Concurso de monólogos Que me dís!!. O obxectivo deste concurso é a promoción do emprego da lingua galega nas novas tecnoloxías entre a cidadanía.

A Concellería de Educación do Concello de Narón, dirixida por Mª del Carmen Espada Cortizas, convoca, a través do Servizo de Normalización Lingüística, a 3ª Edición do Concurso de monólogos Que me dís!!. O obxectivo deste concurso é a promoción do emprego da lingua galega nas novas tecnoloxías entre a cidadanía.

Poderá participar toda aquela persoa, maior de idade, sempre que presente os seus traballos en galego e que estes non fosen publicados nin premiados noutros concursos. O traballo será individual. O Concello de Narón non se fai responsable do posible plaxio de monólogos realizados por outros autores/as.

O tema e contido dos monólogos é libre. As persoas participantes poderán realizar o monólogo sobre o asunto que desexen. Todos os monólogos deben levar un título. Os monólogos deben realizarse en clave humorística. Non poderá conter linguaxe ofensiva nin basta. Excluiranse todos aqueles monólogos cuxa temática supoña o fomento da discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, nacionalidade,…

Os monólogos deben gravarse en formato vídeo (mov ou mpeg/mpg) ou audio (wav ou mp3)  por parte da persoa participante. A gravación pode facerse a través de videocámaras, cámaras fotográficas, teléfonos móbiles,… Os monólogos serán colgados na páxina web do concello www.naron.es onde se poderán visitar e apoiar. O apoio que se amose aos traballos non será determinante para o xurado que valorará as diferentes propostas.

O prazo de envío dos monólogos comezará o xoves 15 de marzo e finalizará o venres 4 de maio de 2012 (ás 14:30 h.). Para presentar os traballos débese cubrir un formulario na web www.naron.es e achegar o monólogo como arquivo adxunto.

Os premios serán os seguintes:

  • 1º premio: Unha tableta electrónica.
  • 2º premio: Un ordenador netbook.
  • 3º premio: Un Smartphone.

 

Tanto o nome das persoas gañadoras como a data  de entrega dos premios publicaranse na páxina web. A composición do Xurado farase pública con anterioridade á elección dos monólogos gañadores na páxina web do concello www.naron.es

O fallo do xurado será inapelable. O xurado poderá declarar desertos todos ou algún dos premios previstos, se a calidade dos traballos non fose considerada aceptable. Valorarase a orixinalidade, a creatividade e a calidade lingüística. Calquera incidencia que xurda durante o desenvolvemento do concurso, e que non se atope recollida nestas bases, será resolta polo Xurado.

Para máis información sobre as bases do concurso ou sobre calquera dúbida relacionada coa lingua galega podedes chamar ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón. Teléfono 981337700 ext 1516 ou ben 607223794, ou ben a través do correo electrónico a.pita@naron.es

Este servizo foi creado a través dun convenio de colaboración coa Deputación da Coruña denominado “Programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña, para a creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística, anualidades 2009-2011”.

Este departamento, á parte do seu labor interno, tamén lle presta o seu servizo a calquera persoa particular, empresa, asociación ou entidade que o demande, tanto de asesoramento lingüístico coma de tradución e corrección de textos. Entre as funcións que desenvolve atópanse as de dinamización, asesoramento e formación lingüística.