NOVAS

O Concello e AJE presentaron no Pazo da Cultura unha nova edición do programa “Adiante Narón 2020”

Publicado o 23 de Outubro de 2020

 A alcaldesa destacou que as emprendedoras e emprendedores son o “motor” do Concello 

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente de AJE Ferrolterra, Luis González, presentaron na mañá deste venres no Pazo da Cultura unha nova edición do programa “Adiante Narón 2020”, organizado en virtude ao convenio que o Concello mantén coa citada entidade. Á convocatoria, que se puido seguir online, acudiu tamén unha representación de emprendedoras e emprendedores que apostaron por impulsar algún proxecto na cidade, compartindo a súa experiencia e valorando o resultado da mesma. 

Ferreiro foi a encargada de abrir o acto, no que se presentou este programa a través do que se impulsa que unha decena de proxectos emprendedores da cidade reciban unha tutorización para desenvolver os seus negocios. A alcaldesa destacou a iniciativa de AJE Ferrolterra e a súa implicación e traballo coas emprendedoras e emprendedores “axudándolles a que inicien a posta en marcha dun proxecto ou melloren a súa situación no caso de que xa estean operativos”. “Sodes o motor do noso concello e sobre todo nestes momentos de crise e quero que saibades que contaredes sempre co noso apoio. Tedes as portas do Concello abertas”, recalcou Ferreiro, animando aos asistentes e desexándolles moitos éxitos.

O presidente de AJE Ferrolterra tomou a continuación a palabra para agradecer en primeiro lugar a colaboración do Concello naronés “que sempre nos recibe cos brazos abertos para levar calquera tipo de actividade” e aos emprendedores e emprendedoras por participar no programa e volcarse por esta comarca. “É moi importante que xurdan ideas e máis aínda que se convirtan en proxectos estables, duradeiros no tempo e que se adapten a unha nova realidade”, asegurou González.

A continuación, as emprendedoras e emprendedores presentes no acto valoraron os seus proxectos, xa en marcha, e a axuda prestada na anterior edición do programa “Adiante Narón 2020”. Nesta ocasión presentáronse os proxectos “Mcen”, sobre enxeñaría, autoconsumo e eficiencia enerxética; “Turística”, unha empresa de xestión de aloxamentos turísticos; “Espacio Vivo”, un centro multidisciplinar de actividades, formación e saúde, e “Fiestoke”, de eventos infantís. Os impulsores destes catro proxectos participaron nun debate posterior para compartir as súas experiencias durante o acto, que se prolongou durante unhas dúas horas.

O programa, dirixido a emprendedoras e emprendedores que queiran lanzar unha nova liña de negocio ou reforzar a existente consta de catro formacións grupais e oito tutorizacións individuais, que comezarán no mes de novembro. A convocatoria está aberta ata o 31 de outubro e as inscricións poden realizarse a través do mail aje@cofernet.com ou do número de teléfono 981 333 322.