A concelleira de Mocidade, Natalia Hermida, anunciou a celebración, o vindeiro domingo día 23, da segunda edición de PokeNarón
Unha cita impulsada a través da Asociación Cultural Gaikai e centrada na temática Pokémon na que se realizarán varias actividades durante boa parte do día, entre as 10.00 e as 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 horas. A convocatoria terá lugar na Casa da Mocidade, na Gándara, ubicación donde tamén esta asociación desenvolve as suas actividades para contribuír a dinamizar estas instalacións municipais.
O programa comezará a desenvolverse a partir das 11.00 horas –a apertura será ás 10.00-, co inicio dun torneo oficial de cartas Pokémon (TCG) e retomarase ás 16.00 co torneo oficial 2DS/3DS (VGC). Tamén se programou unha xincana Pokémon que dará comezo ás 18.00 horas tal e como se indicou desde a organización. Os interesados en inscribirse nos torneos ou obter máis información sobre este evento poden facelo a través do Facebook da Asociación Gaijai: https://www.facebook.com/AsociacionGaikai/.
Así mesmo, as persoas que acudan ao PokeNarón terán a oportunidade de desfrutar de retro consolas, xogos de mesa e tamén de realizar manualidades, con propostas para tódalas idades (Kiri-e e crea o teu Pokeball).
Hermida destacou o feito de que “un ano máis colaboramos coa asociación Gaikai na organización deste evento, apostando desde o goberno local por impulsar actividades na Casa da Mocidade dirixidas a diferentes colectivos e sempre co obxectivo de que as mozas e mozos de Narón e comarca teñan a oportunidade de desfrutar dunha gran variedade de propostas nestas instalacións municipais”.