A meirande parte das sesións celebrarase de xeito virtual
O Concello de Narón celebra estes días unha nova edición de “Un mundo cheo de diversidade”, unha proposta organizada en colaboración con varias entidades e que representa toda unha aposta pola inclusión social a través da creación artística. Así o recordou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, que explicou que debido á actual situación sanitaria e ás novas medidas preventivas establecidas a nivel autonómico, “levaranse a cabo unha serie de obradoiros virtuais orientados a transformar en pezas artísticas os intereses, preocupacións, sentimentos, capacidades e vivencias cotiás de persoas vinculadas a varias entidades”.
A edil naronesa agradeceu a implicación da Asociación para a Loita contra as Enfemidades de Ril (Alcer), Asociación Cultural ASCM, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación Movilidad Humana, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF), Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), AVV Altea de Xuvia, Cogami, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Teima Down Ferrol. “Grazas á colaboración de todas estas entidades poderemos celebrar un ano máis este evento seguindo unha serie de dinámicas colectivas baseadas na horizontalidade e a cooperación, experimentando coa linguaxe poética, visual e corporal a través de medios artísticos como a arte postal ou a técnica fotográfica de pintura con luz”, explicou García. A concelleira indicou que as sesións serán maioritariamente virtuais, se ben se contemplan algunhas actividades presenciais “que se desenvolverán en grupos reducidos, integrados só por usuarias e usuarios dunha mesma entidade e en espazos localizados nas súas propias instalacións, para garantir a seguridade hixiénico sanitaria e o dereito ao acceso e participación na cultura de todas as persoas involucradas nesta proposta”.
Así mesmo, algunhas das propostas de “Un mundo cheo de diversidade” abriranse á cidadanía en xeral, ofrecéndolle a posibilidade de desenvolvelas de forma autónoma seguindo video-tutoriais que se compartirán a través das canles de Participación Cidadá do Concello (Facebook, Instagram e YouTube).
A iniciativa inclúe tres laboratorios online que se desenvolverán a través da plataforma Zoom entre este mes e o de decembro e dos cales un se levará a cabo íntegramente a través de vídeos explicativos que se facilitarán ás persoas que queiran participar no proxecto e non teñan acceso a internet. Os laboratorios serán de poesía visual e email art e de expresión corporal e vídeo-lightpainting.
Esta iniciativa, que rematará no mes de decembro coa difusión pública das pezas artísticas resultantes das diferentes actividades que se desenvolverá con motivo da Semana dos Dereitos Humanos, que se celebrará do 7 ao 11 de decembro “para combater os prexuízos e reivindicar o valor enriquecedor da diferencia dende a arte”, apuntou García.