NOVAS

O Concello inicia unha campaña de recollida de libros infantís e xuvenís que se entregarán no Nadal dende o Centro de Recursos Solidarios

Publicado o 01 de Decembro de 2020

A entrega de libros poderá efectuarse de luns a venres na Biblioteca central do Alto, en horario de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 horas.

A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou o inicio dunha campaña de recollida de libros infantís e xuvenís que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón para que as nenas e nenos atopen na súa árbore de Nadal un conto adaptado á súa idade. 

“Dende hoxe e ata o vindeiro 12 de decembro na Biblioteca central do Alto recollerán libros en bo estado que a xente teña pola súa casa pero que xa non utilice”, explicou a edil. As publicacións deben estar en bo estado, sen marcas, e clasificaráas persoal da Biblioteca para mantelos en cuarentena antes de entregalos, seguindo o mesmo procedemento que cos préstamos que se realizan coas publicacións da propia Biblioteca.

As persoas interesadas en colaborar nesta campaña poden facelo entregando os libros de luns a venres, de 9.30 a 13.30 e dende as 16.00 ata as 21.00 horas e tamén os sábados en horario de mañá, de 10.00 a 13.00.

Taibo recordou que o Concello colabora tamén nunha campaña de merca e entrega de xoguetes para familias con escasos recursos e que organiza o Centro de Recursos Solidarios de Narón. “Un ano máis queremos contribuír para que as nenas e nenos de Narón non queden sen o seu agasallo de Reis, polo que solicitamos a todas aquelas persoas que poidan colaborar que o fagan ben doando libros infantís ou xuvenís que xa non utilizan ou tamén adquirindo un xoguete e entregándoo ata o 18 de decembro nas xogueterías colaboradoras: Din y Don (Xuvia); a do Hiper Froiz (Alto do Castiñeiro); O Muíño do Fabal (A Gándara) e Todo Ocio Lego (A Gándara) nos seus horarios habituais de apertura”.

Así mesmo, Taibo indicou que “nestes establecementos tamén haberá unhas huchas para aquelas persoas que prefiran realizar unha doazón económica que o Centro de Recursos Solidarios destinará á compra de xoguetes neses establecementos colaboradores para esta mesma campaña”. 

En canto á entrega dos mesmos ás familias máis vulnerables, a edil naronesa apuntou que está aberto tamén ata o día 18 de decembro o prazo para que as familias presenten no Rexistro Xeral do Concello a solicitude e a documentación requeridas para acollerse a esta campaña. Os responsables do Centro de Recursos Solidarios entregarán os xoguetes os días 4 e 5 de xaneiro entre as 16.30 e as 20.30 horas nas instalacións do Centro, localizadas no polígono da Gándara, no número 115 da avenida do Mar -xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz.