NOVAS

O Concello iniciará o luns a campaña “A túa vella bici vale un sorriso” de recollida de bicicletas e patinetes para entregar no Nadal a familias con escasos recursos

Publicado o 14 de Novembro de 2020

O propio persoal de Educación Viaria, xunto con voluntarios, encargarase de realizar reparacións no caso de que presenten algún desperfecto.

A Concellería de Seguridade Cidadá, presidida polo edil Román Romero, convoca un ano máis a campaña “A túa vella bici vale un sorriso”. A través do Equipo de Educación Viaria do Concello, do que forman parte os axentes Pedro Caneiro e Sonia López, a partir do vindeiro luns, día 18, e durante un mes, ata o 18 de decembro, recolleranse no Concello –na Oficina de Educación Viaria, na planta principal- e nos centros educativos da cidade bicicletas –tamén estáticas- e patinetes que se entregarán a familias con escasos recursos económicos a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón.

O concelleiro de Seguridade Cidadá solicitou ás persoas que poidan participar nesta campaña “que entreguen tanto as bicicletas como os patinetes no mellor estado de conservación posible”, indicando que o propio persoal de Educación Viaria, xunto con voluntarios, encargarase de realizar reparacións no caso de que presenten algún desperfecto.

“Ás bicicletas e patinetes que non se entreguen de cara á campaña de Nadal ás familias, no caso de que non se esgoten, entregáremolas nos centros escolares da cidade que o soliciten, para que as poidan utilizar tanto os nenos e nenas como os docentes, dependendo dos modelos”, explicou Romero.

O edil naronés animou ás veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos a participar nesta iniciativa “a través da que podemos darlles unha segunda vida a esas bicicletas e patinetes que xa non utilizamos pero que aínda están en bo estado”.