NOVAS

O documental “O Piloto” proxectarase este venres no Pazo da Cultura

Publicado o 18 de Maio de 2016

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acollerá este venres, día 20, a proxección de “O Piloto”, un documental sobre a vida de José Castro Veiga, coñecido como “O Piloto”, integrante no seu día do Exército Guerrilleiro Galego.

Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática organizan o acto con motivo da colaboración aprobada o pasado mes de marzo -a través dunha moción- sobre a conmemoración da II República, coincidindo co 85 aniversario da súa proclamación. O documental poderá verse, de balde, a partir das 19.00 horas.

“O Piloto” conta a historia do último guerrilleiro antifranquista galego, que foi asasinado pola Garda Civil preto da presa de Belesar no ano 1965. Os asistentes terán a oportunidade de ver o amplo traballo documental realizado polo equipo e no que se inclúe documentación inédita.

Trala proxección de “O Piloto” –a duración é de dunha hora e vinte minutos aproximadamente- haberá un coloquio no que intervirán Xosé Reigosa, director do documental; o xornalista e guionista Alfonso Eiré; o historiador Santiago Macías e Enrique Barrera, da Asociación Memoria Histórica Democrática.