NOVAS

“O nobelo do tempo en Narón”

Publicado o 29 de Novembro de 2013

Temos libro novo no noso Concello!

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, presentaron en rolda de prensa o libro “O nobelo do tempo en Narón”.

De que vai? É un proxecto de recollida, difusión e reelaboración da literatura oral popular elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (servizo subvencionado pola Deputación de A Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Este libro créase para dar a coñecer unha parte do patrimonio cultural galego á xente máis nova, a través de elementos da cultura popular: adiviñas, panxoliñas, nanas, contos, lendas e refráns.

A recolleita deste patrimonio oral realizouse entre os meses de marzo e setembro, grazas á colaboración das persoas que asisten aos obradoiros de memoria que se realizaron nalgunhas das parroquias, no centro Manuela López Sequeiros e na Fundación Terra de Trasancos do Val. Tamén aportaron os integrantes da Asociación Cultural Areosa de Piñeiros, a Asociación da Terceira Idade de Pedroso e a Asociación de Veciños da Gándara.

Se queredes enterarvos de que vai, podedes consultar algún material no blog “O nobelo do tempo en Narón”: http://ntnaron.wordpress.com. Ademáis editáronse 150 exemplares do libro, non para a súa venda pero si para a lectura e préstamo na Biblioteca Municipal do Alto, e nos centros de ensino de Narón.

O Alcalde, José Manuel Blanco, agradeceu á xente que colaborou a súa adicación e asegurou que “recuperar as historias dun pobo é algo fundamental para perpetuar a cultura propia”.

Xa sabedes rapaces e rapazas, se queredes coñecer un pouco máis da vosa cultura, tedes a oportunidade de facelo: "O nobelo do tempo en Narón".